Pin It

Widgets

A Xunta e os concellos da área de Ferrol acordan por unanimidade a renovación do Plan de transporte metropolitano




A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano de Ferrol, que acordou por unanimidade a renovación para 2019 deste plan que rexistrou o ano pasado máis de 2,3 millóns de viaxes, un 2 % máis que o exercicio anterior.

O Goberno galego e os 11 concellos da área de transporte metropolitano de Ferrol, coa aprobación da prórroga do plan, garanten a continuidade dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 € aos usuarios frecuentes.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta achegará no vindeiro ano a este plan preto dun millón de euros, financiando o 80% dos descontos, ao que hai que sumar os máis de 300.000 euros que financian a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. Os municipios que conforman a área completarán o financiamento cunha partida de 376.000 euros en 2019.

Trátase dunha iniciativa moi importante, porque supón aforros significativos para as familias, tamén fomenta o uso do transporte público e axuda a aliviar o tráfico na cidade, contribuíndo á redución de emisións e á preservación do medio ambiente.

Na área de Ferrol funciona un sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e os servizos ferroviarios. O Concello de Ferrol non conta con transporte urbano, o servizo préstase con liñas interurbanas de titularidade da Xunta.

A titular de Infraestruturas subliñou que o incremento no número de viaxes mostra unha tendencia cara á consolidación da utilización do transporte público nesta área. Rexístrase unha evolución positiva na utilización da Tarxeta de Transporte Metropolitano, que xa supón 3 de cada 4 viaxes, o que indica que este plan social cada vez ten unha maior acollida por parte dos usuarios.
Ethel Vázquez destacou que un total de 333.000 viaxes realizadas en 2017 foron totalmente gratuítas, xa que se pagaron coa Tarxeta Xente Nova.


Plan de Transporte Público de Galicia
Por outra parte, a conselleira tamén aproveitou esta Comisión para trasladarlles aos concellos da área que a Xunta está a ultimar a redacción do documento base do Plan de transporte público de Galicia, que sairá a información pública neste mes, abrindo o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

O Executivo autonómico comunicoulle ao Concello de Ferrol que este é o momento máis acaído para que active o transporte urbano, que ten a obriga de prestar e que permitiría facer o deseño a unha escala moito menor permitindo ir máis ao detalle dando mellores solucións aos cidadáns.

Vázquez Mourelle sinalou que é moi importante ter estas previsións, saber cando o ten pensado implantar, para facer unha planificación coordinada do transporte desta área en 2019. Neste sentido, resaltou que con traballo conxunto, coa responsabilidade e colaboración de todos, poderase acadar un sistema de transporte máis sostible, con melloras substanciais no servizo, maior cobertura e máis adaptado ao que demandan os veciños.

Fuente. Xunta de Galicia
Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.