O conselleiro de Política
Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Maiores e
Persoas con Discapacidade, Fabiola García, e do director xeral de Inclusión
Social, Arturo Parrado, realizou hoxe unha visita ás instalacións de Teima Down
Ferrol, unha entidade que traballa en prol da mellora da calidade de vida das
persoas con Síndrome de Down e con discapacidade intelectual a través da
integración e participación plena na sociedade.
O titular da carteira social
anunciou durante o transcurso da mesma, a próxima colaboración da Xunta de
Galicia coa asociación ferrolá consistente na sinatura dun convenio de
colaboración para o desenvolvemento dun proxecto piloto consistente na
realización de actividades de aprendizaxe e integración social e laboral de
oito persoas con Síndrome de Down -seleccionadas por Teima- na Consellería de
Política Social ou noutros departamentos da administración autonómica sitos en
Ferrol.
“Trátase dun programa formativo
que pretende dotar aos participantes das competencias e aptitudes necesarias
para facilitar e mellorar a súa integración na sociedade e no mercado laboral,
aprendendo e poñendo en práctica técnicas e ferramentas útiles para o desempeño
profesional eficaz”, explicou Rey Varela.
Para a realización das
actividades obxecto do convenio, a Consellería de Política Social achegará unha
suma de 20.000 euros.
Así mesmo, durante o seu
percorrido polas instalacións, o conselleiro tivo oportunidade de coñecer de
primeira man os obradoiros que se estaban a levar a cabo neses momentos, de
desenvolvemento de plans persoais, formación de monitores de comedor escolar e
de competencias clave para o emprego, e nos que estaban a participar máis de
dez usuarios.
“O emprego é a mellor fórmula
de inserción social das persoas con Síndrome de Down” afirmou o titular
autonómico, engadindo que a empregabilidade e a integración real e efectiva
destas persoas na sociedade son metas compartidas con Teima e polas que a
Administración autonómica traballa día a día.
Ao rematar a súa visita, Rey
Varela agradeceu o labor diario da entidade así como dos familiares das persoas
con Síndrome de Down, ambas partes piares esenciais do seu desenvolvemento
persoal e profesional.
Cómpre destacar que o
compromiso da Xunta coa empregabilidade das persoas con discapacidade faise
visible na última oferta de emprego público da administración autonómica, que
reserva un 15% das 3448 prazas convocadas para persoas con discapacidade tanto
física como intelectual.
Fuente: Xunta de Galicia