Pin It

Widgets

Ferrol acolle a XXIX edición da súa Feira do Libro desde hoxe xoves e ata o luns 23, na Praza da Constitución




XXIX Feira do Libro de Ferrol abriu hoxe as súas portas ao público e durante os seus cinco días de duración celebraranse na praza da Constitución máis de 30 actividades relacionadas coa promoción da lectura e o mundo da cultura, pensadas para público de todas as idades. Sinaturas e presentacións de libros, obradoiros, actuacións musicais e ata exhibicións de xadrez tratan de atraer o interese e a atención dos lectores cara a esta festa.

Trátase dunha ocasión inmellorable para que Ferrol aproveite “a presenza dos libros na rúa, os mellores embaixadores da nosa cultura, que se instalan nesta praza da Constitución ata o Día do Libro, cando se pechará o encontro, agardamos que cos mellores resultados”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da feira. Alí estiveron tamén o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol Terra, Antonio Martínez, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xesús Manuel Soto, e o concelleiro de Cultura, Ensino e Universidade do Concello de Ferrol, Jesús Basterrechea.

Segundo explicou Lorenzo, os libros chegan acompañados dunha completa programación que “vailles permitir aos lectores entrar en contacto cos seus escritores favoritos, ademais de atraer os máis pequenos con distintas actividades pensadas para eles, desde obradoiros ata a procura de libros perdidos, pasando pola música, un concurso de debuxo ou os campionatos de xadrez”.

O editor Miguel Tovar, director de Edicións Embora, moi vinculada á cidade departamental, é o pregoeiro desta XXIX edición da Feira do Libro de Ferrol. Canda el, uns 20 autores visitarán a feira durante estes días para presentar e asinar as súas obras, e entrar en contacto directo cos seus lectores, co fin de arroupar as librerías presentes: Cortizas, Galiano, Estraviz, Metrópolis Cómics, Day, Central Librera e Pedreira, acompañadas ademais do stand de Edicións Embora e do da Deputación da Coruña.
As Feiras do Libro de Galicia

As Feiras do Libro de Galicia 2018 percorrerán ata o 25 de agosto un total de 16 concellos. Despois de Verín e Ferrol, será a quenda de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Ponteareas e da Coruña. Viveiro, Foz e Monforte de Lemos completan a programación deseñada pola Federación de Librarías de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa coa achega, a través da Secretaría Xeral de Cultura, de 120.000 euros para o desenvolvemento desta programación.
Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.