O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, entregaron onte á tarde os diplomas ás
participantes no obradoiro Licenza para rir 16/17 que se desenvolveu no Museo
do Humor de Fene dende o mes de outubro do pasado 2016 até finais deste mes de
maio.
Coa entrega de diplomas
chegou ao seu fin a terceira edición deste taller que dirixe dende os seus
comezos a experta en risoterapia Clara González Domínguez e que se encadra na
programación das Escolas Culturais Municipais do Concello de Fene. O obradoiro,
dirixido á poboación adulta, pretende proporcionar ferramentas coas que activar
a risa propia, franca e saudable, favorecendo unha actitude cara a vida
plantexada con sentido do humor.
Entre os obxectivos de
Licenza para rir, salientan: dar a
coñecer e valorar as potencialidades terapéuticas e curativas da risa; fomentar
a creatividade individual e grupal dende o lúdico; utilizar a risa como unha ferramenta
favorecedora da comunicación e un estímulo da creatividade; aproveitar
optimamente os beneficios das sesións e axudar ao corpo e á mente a afrontar
positivamente calquer situación de tensión utilizando a risa como unha valiosa
ferramenta terapéutica. Para iso, no devir deste taller, mestra e alumnos/as
traballan con movemento expresivo, improvisacións, dinámicas lúdicas, ioga da
risa, etc.
O
Concello de Fene e o Club BTT Fene organizan a V Ruta Mini BTT (Bicicleta Todo
Terreo) que terá lugar o vindeiro
sábado, 3 de xuño, a partir das 17.00 horas na zona verde municipal ubicada
fronte ao pavillón polideportivo da Xunqueira, a carón do Paseo Marítimo de San
Valentín.
A
actividade está dirixida a nenos e nenas de 5 a 14 anos, non ten carácter
competitivo e para participar na mesma é preciso contar con bicicleta e casco. A
ruta realizarase nun circuíto cun percorrido de 410 metros, ao que se lle darán
máis ou menos voltas en función da categoría (idade ou aula) dos participantes:
CATEGORÍA
|
Aula equivalente
|
Voltas CIRCUITO
|
PREBENXAMÍN
|
Aulas
de infantil
(nados/as
no 2011 e 2012)
|
1 volta
|
PROMESAS
|
1º
e 2º de primaria
(nados/as
en 2009 e 2010)
|
2 voltas
|
PRINCIPIANTES
|
3º
e 4º de primaria
(nados/as en 2007 e 2008)
|
3 voltas
|
ALEVÍN
|
5º
e 6º de primaria
(nados/as
en 2005 e 2006)
|
5 voltas
|
INFANTIL
|
1º
e 2º de ESO
(nados/as en 2003 e 2004)
|
6 voltas
|
Ao remate
de cada ruta, todos os/as participantes recibirán unha medalla e ao finalizar a
actividade sortearase unha bicicleta
entre todos os asistentes.
Os
interesados en participar nesta V Ruta Mini BTT poden formalizar a súa
inscrición hoxe, 31 de maio, ou mañá, 1 de xuño, no Departamento de Cultura e
Deportes do Concello de Fene (teléfono 981 340 366) ou o mesmo día da
actividade, o sábado 3 de xuño, en San Valentín, de 16.00 a 16.45 horas.
A
proba comezará ás 17:00 horas e calcúlase que terá unha duración aproximada
dunha hora, polo que rematará sobre as 18.00 horas.
O programa Sons Diversos, que organiza a Concellería
de Cultura, trae esta semana a Fene ao dúo de pop-folk
galego formado polos feneses Amparo Arias e Roger de Flor. O concerto será este
venres, 2 de xuño, ás 20 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de
Conces, 20-22). A entrada será de balde e libre até completar o aforo (120
localidades).
No seu
espectáculo conxunto, os irmáns e socios musicais Amparo Arias e
Roger de Flor amosan a súa particular maneira de entender a vida, a música e a
arte a través de cancións dos seus respectivos traballos discográficos, con
algunhas adaptacións de xoias ocultas do pop-folk galego e universal, a algún
que outro poema musicado.
Rogelio Arias Sanmartín, coñecido
artísticamente como Roger de Flor (Limodre, Fene, 1977) é músico, cantante,
compositor e productor. A súa obra encádrase dentro dunha nova fornada de
creadores galegos do s. XXI.
Logo de participar en múltiples proxectos musicais como
Bang 74 ou La
Sociedad Protectora del Hombre Mono, , comeza a súa andaina en solitario co
nome de Roger de Flor a comezos de 2007, presentando a súa primeira maqueta, Canciones de amor y retranca. Dous anos
despois publica o disco Naturalidad
Silvestre (Felipop Discos, 2009), no que se poden
atopar estilos como o swing, pop, country e balada, sempre co toque persoal e
humorístico que imprime nas súas cancións.
No ano 2010 embárcase nunha xira de presentación do
documental Roger de Flor:
Naturalidad Silvestre, dirixido por Carlos Alberto Alonso, que protagoniza xunto
a outros artistas do panorama musical galego, como Magín
Blanco, O Neno Elliot ou O Marqués das Vinhas.
O traballo estivo nomeado aos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego
(abril 2011).
En xuño do 2011 presentou o seu terceiro traballo discográfico titulado El mundo está loco, loco, loco...,
que inclúe doce novas cancións, amais de dous videoclips promocionais: Voy a cambiar de vida e Non
penso volver ver a televisión; encargado polo programa da TVG Xabarín
Club para celebrar seu
decimoitavo aniversario. Con este último acadou o terceiro premio do concurso Correlingua,
que trata de promocionar e difundir a música en galego.
Integramente en galego foi o seguinte traballo discográfico, desta vez
acompañado pola banda Os Silvestres, composta polo guitarrista Cabe García , o batería Sergio Galego , o contrabaixista Óscar Painceiras e o
charanguista e trobador galaico-portugués O Marqués das Vinhas. Xuntos
presentaron no ano 2013 o seu disco Roger
de Flor presenta a: Os Silvestres, conformado con cancións do propio De
Flor e dos demais compoñentes da banda, ademais de adaptacións ao galego de
clásicos universais como Mellow
Yellow (Donovan) ou Dedicated follower of fashion (The Kinks). A canción Hai un lugar no norte (composta a medias entre Roger, o
grupo portugués Os Azeitonas e o chamado "sexto
silvestre", o xornalista Nicolás Vidal (habitual
colaborador do grupo) foi a elixida para promocionar o novo traballo
discográfico cun novo videoclip, desta vez gravado na liña ferroviaria do
cantábrico.
Pola súa banda, Amparo Arias
é unha cantautora cuxa música contén trazas do pop, folk, bossanova e
psicodelia. O seu álbum Todo lo que no
pasó amosa un claro abano de estilos musicais que nos fan viaxar no tempo e
rememorar músicos como Chrissie Hynde, Astrud Gilberto, Love o The Beatles.
No seu disco, producido polo músico ferrolán Óscar Quant e pola propia
artista, colaboran un bo elenco de músicos de Ferrolterra de calidade
contrastada coma o propio Óscar, Roger de Flor, Joaquin Bianco, Cabe García
Fran Rey, Adán Arias…
Na actualidade está inmersa na composición de novos temas para un
próximo disco, e tamén está poñendo voz a varios dos poemas de William Blake,
musicalizados xunto ao seu irmán e o músico ourensán Raúl Díaz (Os Amigos dos
Músicos, Niño y Pistola), nun proxecto que pronto sairá á luz.
O ciclo Sons
Diversos concluirá o venres da vindeira semana, o 9 de xuño, coa actuación de Sofía
Espiñeira Trío; cantautora mugardesa gañadora do II Certame de Canción de autor
en galego do concello de Teo, no ano 2015, que presentará no noso concello o
seu primeiro traballo discográfico.