Piano,
guitarra, inglés, risoterapia, cociña, fotografía con móbil e cámaras compactas
e introdución á ofimática. Son as principais actividades que o Concello de Fene
oferta este ano no marco da súa programación de escolas culturais municipais
2017-2018. As persoas que desexen anotarse a calquera destas actividades
poderán facelo a partir do vindeiro luns nas dependencias administrativas do
pavillón A Xunqueira de San Valentín.
As
inscricións estarán abertas os días 2, 3, e 4 de outubro para os residentes en
Fene, namentres que os días 5 e 6 de outubro realizaranse para a totalidade da
poboación. O horario de atención ao público será de 8.30 a 14.00 horas e, o
mércores 4 e xoves 5 de outubro, tamén de tarde, de 16.30 a 19.00 horas.
Un ano
máis, o Concello de Fene inclúe na súa oferta cultural para o novo curso as
escolas de solfexo-piano e guitarra. Poderán anotarse nenos/as a partir de
cinco anos e poboación en xeral. Na escola de piano-solfexo, as aulas de
solfexo organizaranse en función do nivel/idade dos/as alumnos/as, namentres
que os horarios de práctica instrumental (1 hora á semana) escolleranse no momento de efectuar a
matriculación.
En
canto ás “Escolas Municipais de Idiomas”, salientan este ano “Xogamos co
inglés” (dirixida ao estudantado do último ciclo de educación infantil até o
derradeiro curso de educación primaria, incluído) e “Falamos en inglés” (para
persoas de 12 anos en diante, con ou sen coñecementos de inglés). “Xogamos co
inglés” concíbese como un espazo lúdico para poñer en práctica os coñecementos
adquiridos na escola a través do xogo en inglés. Pola súa parte, “Falamos en
inglés” é un espazo de encontro para practicar e conversar en inglés.
Tamén
repite na oferta de escolas culturais municipais “Licenza para rir”, obradoiro
de risoterapia para maiores de 16 anos. O taller
vai dirixido a persoas que queiran "coñecer e valorar as potencialidades
terapéuticas e curativas da risa; empregar a risa como ferramenta favorecedora
da comunicación e como estímulo da creatividade; e axudar ao corpo e á mente a
afrontar positivamente calquera situación de estrés
utilizando a risa como ferramenta terapéutica".
Outra
das propostas que inclúe o Concello de Fene na súa oferta de cursos e
obradoiros socioculturais para este ano é o taller de “Cociña para vag@s”,
actividade dirixida a persoas maiores de 18 anos. Nel ensinaranse “aquelas
técnicas e receitas que nos permitan xantar á carta todos os días e preparar
uns pratos tan ricos e ben presentados que nos permitan quedar de marabilla
cando convidemos a alguén”.
Tamén
haberá “Fotografía. Nivel iniciación”, para persoas maiores de 16 anos que
queiran iniciarse na fotografía de xeito práctico e sinxelo. Para participar
nesta actividade será imprescindible posuír un trebello con cámara dixital
(cámara compacta, smarphone, cámara de acción, etc.)
E xa
por último, no apartado de “Cursiños TIC”, salienta o de “Introducción á
ofimática. Nivel básico” (10 horas), para persoas maiores de 16 anos. O curso,
que ten como obxectivo “dar a coñecer os fundamentos da ofimática”, estructurarase
en dous niveis: iniciación, para abordar os principios básicos da ofimática, e
perfeccionamento, para explicar as ferramentas informáticas máis comúns.
O
curso nas escolas culturais, cursiños TIC e obradoiros municipais do Concello
de Fene desenvolverase do luns 16 de outubro de 2017 ao 30 de maio de 2018.
Para
máis información, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas do
Departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (981 340 366)
ou consultar a normativa xeral de matriculación na páxina web municipal www.fene.gal
Favorecer o desprazamento do/a alumnado que curse
estudos universitarios e que necesite usar diariamente o autobús para os seus
desprazamentos dende Fene até A Coruña, é o principal obxectivo do
programa de subvencións ao transporte
de estudantes universitarios que convoca
anualmente o Concello de Fene.
Segundo se establece nas bases, a axuda
materializarase a través do ‘carné bono-bus subvención’, documento expedido
polo Concello de Fene a favor do/a beneficiario/a, co que se solicitará á
empresa Arriva (ou calquera outra empresa concesionaria do transporte) a
expedición do `bono válido subvencionado´ para a realización das viaxes ao
longo do curso escolar 2017-2018 (período computable 9 meses: dende o mes de
setembro (1/09/2017) de 2017 até o mes de maio de 2018 (30/05/2018), ámbolos
inclusive.
Poderán solicitar as axudas do Bono Bus Universitario as persoas que
cumpran os seguintes requisitos: estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Fene
como mínimo dende o 1 de xuño de 2017; cursar estudos universitarios para os
que sexa necesario desprazarse até A Coruña; non superar os máximos de base
liquidable xeral sometida a gravame por unidade familiar, determinados nas
bases; presentar a
documentación requirida nas mesmas bases; e non ter pendente de xustificación
por parte do solicitante ningunha subvención concedida polo Concello de Fene,
sempre que tivese finalizado o prazo de xustificación.
A subvención
concedida variará en función do número
de beneficiarios finais e de acordo coa seguinte táboa:
- Máximo de 5 beneficiarios: subvencionarase o 100% do
custo do bono bus
- Entre 6 e 9 beneficiarios:
subvencionarase o 60% do custo do bono bus
- Entre 10 e 14 beneficiarios:
subvencionarase o 40% do custo do bono bus
- Entre 15 e 19 beneficiarios:
subvencionarase o 30% do custo do bono bus
- Entre 20 e 28 beneficiarios:
subvencionarase o 20% do custo do bono bus.
As solicitudes das subvencións ao transporte universitario presentaranse no
Rexistro Xeral do Concello de Fene (de luns a venres, de 8.30 a 14.00 horas) dende
o mércores 27 de setembro até o venres 6 de outubro de 2017. Tamén se poderán presentar neste mesmo período por calquera
outra forma establecida no art. 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de
Procedemento Administrativo Común das
Administracións Públicas. O prazo será improrrogable e tramitarase con independencia de que o/a posible
beneficiario/a estea admitido/a ou non nunha facultade.
Pódense consultar as bases completas da nova convocatoria de “Subvencións
ao transporte de estudantes
universitarios que cursen estudios na Coruña durante o curso 2017-2018” na
páxina web do Concello de Fene (www.fene.gal)
ou no BOP núm. 183 do martes 26 de setembro de 2017.
Feijóo afirma que co tren ao
Porto Exterior se dá un salto cualitativo para converter os peiraos de Ferrol
nunha referencia loxística da fachada atlántica do sur de Europa
O presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que co acceso ferroviario ao Porto Exterior
se dá un salto cualitativo para converter os peiraos de Ferrol nunha referencia
loxística da fachada atlántica do sur de Europa.
Durante unha visita ás obras do
acceso ferroviario ao Porto Exterior, Feijóo incidiu en que esta infraestrutura
é indispensable para seducir a aqueles operadores que centran a súa actividade
no tráfico de colectores. Unha peza estratéxica para a competitividade económica
de Galicia e para converter a dársena de Ferrol nun porto de importancia
global, ao repercutir de forma decisiva na competitividade do porto e das
empresas da comarca e, dese xeito, na xeración de novos postos de traballo e
progreso.
Ao longo da súa intervención,
Feijóo precisou que, hoxe en día, o Porto Exterior de Ferrol dispón de case un
millón de metros cadrados habilitados para a instalación de empresas, e as que
xa operan aquí contan con todos os servizos necesarios para facelo de forma
eficaz, incluído un óptimo acceso terrestre polo que circulan máis de 1000
camións cada día.
Así mesmo, resaltou que a
superación o pasado ano da cifra de 30 millóns de toneladas movidas neste
peirao dá índice da súa constante evolución positiva, que aínda ten unha enorme
capacidade de medrar de forma moi significativa.
O titular da Xunta referiuse
tamén á envergadura da obra do Porto Exterior, non só porque supón un
investimento de 90 millóns de euros da Administración do Estado, senón porque,
ademais, as características do terreo e a necesidade de minimizar o impacto fan
desta unha actuación singular.
Nesta liña, precisou que os
dous portos ferroláns, o interior e o exterior, se unirán a través dun ramal
ferroviario de dobre ancho e 6,4 quilómetros de lonxitude dos cales 5,6
discorren baixo os montes de Brión, a través do túnel que hoxe comeza a
perforarse e que contará cunha galería de evacuación paralela á vía férrea. E
destacou ademais a construción dun viaduto de 300 metros sobre a enseada da
Malata.
Feijóo concluíu valorando o
compromiso do Goberno central coas infraestruturas fundamentais para Galicia. E
nesta liña destacou a confirmación do Ministerio de Fomento da adxudicación, no
vindeiro mes de outubro, das obras do último tramo da autovía entre Santiago e
Lugo que, xunto coa conexión entre Ourense e Lugo –tamén en execución-,
permitirán acadar o obxectivo de que todas as cidades galegas estean unidas
entre si por vías de alta capacidade.
O titular da Xunta referiuse
tamén ao obxectivo de finalizar o tren de alta velocidade a finais de 2019,
conforme ao calendario, así como ao compromiso do Goberno central de que Ferrol
e Lugo non queden descolgados da alta velocidade.
Galeria
Fuente: Xunta de Galicia