O delegado territorial da Xunta na
Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de adecuación de 17 vivendas
de promoción pública que se están a executar na cidade de Ferrol, e que supoñen
un investimento de algo máis de 222.000 euros. Os traballos de reforma estarán
rematados antes de fin de ano e saíron a licitación en dous lotes diferentes.
Por unha banda actúase sobre nove vivendas que xa foron adxudicadas este verán
e que supoñen un investimento de máis de 110.000 euros. As outras oito, cun
investimento de 112.000 euros, están pendentes de adxudicar mediante un proceso
que desembocará nun sorteo ante notario o vindeiro 19 de decembro.
As vivendas sobre as que se está a
actuar están situadas nos barrios de Caranza e Esteiro, e nelas trabállase na
actualización de instalación de fontanería e auga quente, con cambio de
caldeira, cambio de alicatados, plaquetas e sanitarios, instalación de mobles
baixos e altos nas cociñas con vitrocerámica, forno, campá e outros electrodomésticos,
pintado e reparación de fisuras e, nalgúns casos, cambio de portas interiores e
mesmo da de acceso á vivenda. Con todas estas actuacións as vivendas recuperan
a súa habitabilidade coa finalidade de volver a ser adxudicadas a través do
procedemento legalmente previsto pola Comisión Provincial de Vivenda do IGVS.
A Xunta está a traballar para a
aprobación, no vindeiro ano, da primeira lei de rehabilitación e rexeneración
urbana de Galicia coa fin de facilitar a recuperación do patrimonio construído na
Comunidade. “Unha lei que promoverá a preservación do noso patrimonio histórico
compatibilizándoo con dar maiores facilidades para a rehabilitación de
edificios tradicionais”, o delegado territorial.
Plan de choque en rehabilitación
Ovidio Rodeiro destacou a
implicación do Goberno galego na recuperación do casco vello de Ferrol e
lembrou que nos presupostos para 2018 están reservados 900.000 euros en
exclusiva para actuacións no barrio de Ferrol Vello. Neste sentido, apuntou que
“a Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de incluír esta zona no plan
Rexurbe, que contempla unha primeira fase na que se van mercar dous inmobles
deteriorados de titularidade privada”. O plan continuará coa busca de
colaboración administrativa para facilitar a recuperación integral dunha mazá
na zona de Argüelles.
Así mesmo, Rodeiro lembrou que o
programa de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), cofinanciado polo
Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de
Galicia reservou para a cidade máis de 1,4 millóns de euros, dos que preto de
417.000 proceden da parte autonómica. As catro áreas para as que se conceden
axudas son os barrios históricos da Magdalena e Ferrol Vello, A Graña, Esteiro
Vello e Recimil.
Por último, o delegado territorial lamentou
que o Concello de Ferrol aínda nos se teña adherido ao Programa de Vivendas
Baleiras da Xunta, malia a que no pasado mes de xaneiro o goberno local chegara
a manifestar a súa predisposición a asinar o convenio. Rodeiro manifestou que
“custa comprender que un grupo político que fixo da loita contra os
desafiuzamentos unha das súas bandeiras electorais néguelles aos seus veciños
máis desfavorecidos a posibilidade de acceder a un fogar”. Segundo os datos
máis recentes, na cidade de Ferrol hai na actualidade máis de 760 persoas
rexistradas como demandantes de vivenda.
Fuente: Xunta de Galicia
A mostra inaugúrase o mércores 29
de novembro ás oito do serán
Os amantes do automobilismo están de noraboa. A
sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene acolle dende este
mércores unha mostra na que a escudería
Scratch Fene fai repaso das 13 edicións
organizadas do Slalom Scratch Fene así coma dos diferentes eventos e
competicións nos que o club ten participado dende a súa creación no ano 2004.
A exposición inaugúrase o mesmo mércores, 29 de novembro, a partir
das oito do serán e poderá visitarse até o vindeiro 14 de decembro. Horario de
visitas: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas. Sábados, de 10
a 13 horas. Domingos e festivos, pechado.
“Historia de Scratch Fene. 13 años de slalom” inclúe fotografías,
cartaces e diverso material gráfico desta escudería que “se fundou en Fene no
ano 2004 coa firme intención de recuperar o deporte de base automobilístico, o
slalom e fomentar o deporte do motor entre os veciños e veciñas do concello”.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo
hoxe en Santiago unha xuntanza co clúster do naval galego
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co
presidente do Clúster do naval galego, Marcos Freire, e outros responsables da
entidade, para avaliar as boas perspectivas do naval e medidas para que o
sector siga crecendo. En concreto, analizaron ferramentas que afiancen a
formación, a innovación e a internacionalización do sector que permitan seguir
incrementando os investimentos e, polo tanto, a carga de traballo.
Conde destacou, no eido da
formación, que a Xunta está desenvolvendo un Plan de formación específico para
o naval ao que se destinan 12 millóns de euros para cualificar a 3.000
traballadores, multiplicando por cinco o número de cursos e o investimento
desenvolvido durante 2015. Durante os próximos dous anos apoiarase a
cualificación de desempregados e traballadores ocupados cunha oferta de 170
accións formativas que se definen segundo as necesidades do propio sector. Polo
tanto, ofrécese formación á carta para as empresas do naval a través de 20
unidades formativas. Os profesionais reciben cualificación específica en novas
tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0 a través de organismos intermedios.
Esta iniciativa conta coa colaboración dos propios estaleiros, a industria
auxiliar e o clúster.
No ámbito da innovación, o titular
de Economía sinalou que os apoios da Administración autonómica mobilizaron
neste eido 33,2 millóns de euros a través de diversos programas como as
convocatorias de Innterconecta e Conecta Peme coas que se apoiaron 19 proxectos
de I+D+i dirixidos á mellora de produtos e servizos no naval.
Estas axudas superan os 9 millóns de
euros e mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns. Tamén destacan as 4
unidades mixtas que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria que na
actualidade suman preto de 11 millóns de euros en desenvolvementos innovadores
para I+D+i: o estaleiro do futuro que executa a Universidade da Coruña con
Navantia; o desenvolvemento dunha nova xeración de compoñentes navais de Aimen
e Wartsila Ibérica, que este ano conta cunha segunda edición; e o proxecto
baseado en tecnoloxías intelixentes e flexibles de alta produtividade de Aimen
e Factorías Vulcano.
En materia de internacionalización,
o conselleiro resaltou as misións comerciais que está a realizar o sector e
contan coa colaboración da Xunta para favorecer a súa expansión, uns programas
que están tendo moi bos resultados, non só para os estaleiros senón tamén para
a industria auxiliar que está aumentando a súa actividade como provedor.
O obxectivo da xuntanza, en palabras
de Conde, é seguir avanzando para que o naval galego continúe coas boas
perspectivas acadadas ata o de agora: Galicia mantén o liderado na construción
naval co 38% de carga de traballo realizado en España no primeiro semestre de
2017. En total, a carga de traballo supón un investimento próximo aos 2.900
millóns de euros. A carteira de pedidos en vigor nos estaleiros da Comunidade
suma 24 buques dun total de 60 contratos en España.
Fuente: Xunta de Galicia