Quere que non se constrúa unha nova incineradora
e que se desenvolvan proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe
O BNG
presentou hoxe no Concello de Fene unha
moción para exixir a retirada do incremento do canon de Sogama que o goberno do
PP na Xunta quere aplicar en 2014 e que suporía un incremento de preto do 34%
aos concellos, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada de lixo, sen
contar o IVE. O goberno do PP na Xunta quere cargarlle á cidadanía novamente o
recorte que o Goberno central do PP decidiu sobre as tarifas para percibir pola
coxeración eléctrica. Desta maneira, ante a caída de ingresos que sufrirá
Sogama pola xeración de enerxía, óptase por este incremento para cargarlle as
perdas á cidadanía. Así fan posíbel que Sogama teña no 2014 uns beneficios de 7
millóns de euros.
O portavoz municipal do BNG, Manuel
Polo, remarcou que 'este feito vén a confirmar as denuncias do BNG sobre o
fracaso do proxecto Sogama e o Plano de Residuos implantado polo PP na Xunta de
Galiza, que defende a incineración, sen ter en conta a redución, a
reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade
no tratamento, máis sustentábel ambientalmente e de menores custos. Ademais, no
complexo de Sogama nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se
valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran'.
Os sucesivos
gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans
alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos
municipais do PP ou o que se desenvolve na Mancomunidade da Barbanza, a pesar
do PP, que puxo trabas, impedindo axudas nas condicións que tivo Sogama. A
Barbanza e O Morrazo son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e
mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De
feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU da Xunta de Galiza podería
supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de
comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte.
Para os
nacionalistas de Fene hai que, retomar o programa de compostaxe caseira, a
nivel local, rexeitar a subida de 18€ que pretende o Alcalde de Fene e revisar
o Plan de RSU Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova
incineradora e apoiando un modelo que supere Sogama.