Do
7 ao 28 de marzo, a sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene acollerá
unha exposición de pintura e cerámica da artista ferrolá Mari Carmen Sendón. A
mostra inaugúrase este venres, 7 de marzo, ás 19 horas nun acto que contará coa
participación da poeta Amelia de Querol Orozco. Horario de visitas: de luns a
venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00
a 13.00 horas.
A exposición
“Eu mesma” estará distribuida en catro partes:
-PINTURA ABSTRACTA, con
quince cadros pintados ao óleo. Seis deles pertencen a unha colección anterior,
titulada “Sobre a miña pel”. O resto das pinturas están baseadas en seres
mitolóxicos gregos.
-PINTURA FIGURATIVA, con cinco cadros pintados ao óleo, un deles de grande
formato (146x 114cm.), titulado "Toxos"
-PINTURA CERÁMICA, cunha mostra de oito cadros realizados sobre arxila,
pintados con engobes e cocidos a 1000 graos.
- FIGURAS CERÁMICAS,
con sete xarróns inspirados nos nosos vellos bosques e catro galos realizados
con refractario branco, negro e lila, cocidos a alta temperatura.
Segundo explica a artista,
“tanto na pintura ao óleo como na cerámica emprego unha temática variada con
tendencia cara o sinxelo, cara o movemento, cara a natureza máis común: os
nosos campos, as nosas flores, camiños, etc. Cos xarróns procuro o contacto
directo coa natureza que tanto preciso e me apaixona. A obra máis novidosa a
compoñen uns galos que veñen do “Meu soño”.
Nesta exposición amoso as
miñas sensacións, os meus soños; sen reserva algunha, sen ningún tipo de
influenza, amoso os meus sentimentos e o que son `eu mesma´”.
Mari Carmen Sendón (Ferrol, 1960) comeza a súa
actividade pictórica no ano 1996. Realizou estudos de expresión pictórica baixo
a dirección de Elena Piñeiro e, dende o 2002 ao 2011, continúa a súa formación
artística da man de Ladislau da Regueira, ademais de realizar numerosos cursos
coma os de técnicas pictóricas contemporáneas, traballo artístico en vidro
fundido ou cerámica.
Sendón é socia do Obradoiro de Investigación
Plástica “Tartares”, socia fundadora da Asociación NARART (Narón Amigos da
Arte) e socia fundadora, ademais de actual presidenta, da Asociación
Artístico-Cultural Mesturas. Na última década, realizou exposicións individuais
en Valdoviño, Pontedeume, Narón, Ferrol, Neda, Cedeira e Betanzos. Tamén
participou en distintas exposicións colectivas por toda a comarca.
En 2001 recibiu unha Mención de Honra no Concurso
de Pintura Bello Piñeiro. Dous anos despois, en 2003, acadou o terceiro premio
neste mesmo certame e, en 2007, resultou finalista no Concurso de Pintura do
Club Naval de Ferrol.