Pin It

Widgets

Foto denuncia



Os Socialistas de Fene piden que se retire o novo aglomerado da Fraga e se asfalte outra vez toda a rúa
 
Critican tamén a actitude do Alcalde, que en lugar de “esixir que se amañe esta chapuza, confórmase cun remendo pactado coa Deputación, un rebacheo en dúas zonas puntuais.”
Fene, 1 de marzo de 2014




Hai tan só uns tres meses que a Deputación Provincial da Coruña aglomerou de novo toda a céntrica rúa da Fraga, o vial que, pasando polas inmediacións da Casa do Concello, conecta a avenida Marqués de Figueroa (Perlío) coa avenida Naturais de Fene. Sen embargo, hai semanas que o novo pavimento se está despegando, enchendo de fochancas a rúa, que fan que hoxe estea xa máis intransitable do que estaba antes co vello asfalto.

Por iso, o PSdeG-PSOE de Fene esixe que se actúe de xeito inmediato para solucionar o que Iván Puentes, portavoz municipal, califica como “despilfarro e unhas das maiores chapuzas que se teñen visto nunha rúa do Concello”. A solución para os socialistas non é outra que retirar o novo asfalto e volver a aglomerar toda a rúa, xa que cada día que pasa aparece unha nova zona na que se levanta o pavimento. “É evidente que algo non se fixo ben. Non pode ser que un asfaltado que debería aguantar ata 10 anos en perfectas condicións se levante aos 15 días de ser botado”, sentencia Puentes.

O portavoz socialista afirma tamén que “é comprensible que na execución das obras poda haber erros, pero o intolerable é que a Administración nestes casos, en lugar de esixir a corrección deses erros, mire para outro lado e despilfarre os cartos de todos”. Refírese con isto Iván Puentes á solución anunciada polo Acalde de Fene no último pleno, no que ante as preguntas do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE sobre esta obra, Gumersindo Galego afirmou que non se ía volver a asfaltar a rúa, senón que simplemente se repoñería o pavimento despegado en dúas zonas, no cruce do Xulgado de Paz e nas inmediacións da oficina de Correos.

As pegas que os socialistas lle poñen a esta solución son dúas. Por unha banda, consideran inadmisible que un asfaltado que foi contratado como completo sexa entregado xa con remendos e con cortes no pavimento, posto que nin as condicións de circulación nin as de mantemento son as mesmas, deteriórase antes. E por outra banda, o problema non afecta só a esas dúas zonas, que foron as primeiras en levantarse, senón que é un problema que afecta a toda a estrada. A mellor proba disto é que nos últimos días apareceron xa novas fochancas no cruce coa avenida Marqués de Figueroa e en diversos puntos intermedios da vía.

O problema sempre é o mesmo, despégase o novo asfalto e deixa á vista o vello. É dicir, parece evidente que o que hai é un problema de adherencia entre o novo aglomerado e o antigo, que quedou por debaixo, algo que acontece habitualmente cando o asfalto se bota a unha temperatura inferior á indacada. Por iso, os socialistas insisten en que a única solución real é retirar completamente este novo aglomerado e botalo de novo e anuncian novas iniciativas neste sentido tanto no pleno do Concello de Fene, como no da Deputación Provincial da Coruña. 
Tags: , ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.