Os Socialistas de Fene pidénlle ao Alcalde que medie con Fomento para
asfaltar a N-651 entre Navantia e a Ponte das Pías
Dende hai meses o firme desta importante vía presenta graves
irregularidades, fundamentalmente nos accesos e incorporacións a San Valentín
O estado no que se atopa o firme das estradas que discurren polo Concello
de Fene segue a ser motivo de múltiples queixas veciñais. Nesta ocasión os
socialistas fanse eco do malestar que existe entre os numerosos conductores que
circulan a diario pola avenida das Pías a causa dos grandes baches que se foron
formando nos últimos tempos nesta estrada.
O PSOE pon a lupa especialmente no grave deterioro do carril dereito en
dirección Fene, o que descorre máis próximo á antiga Astano, que á altura da
saída de San Valentín, pouco antes de chegar ao radar fixo instalado na zona,
presenta uns grandes baches que ocupan boa parte da calzada e que obrigan aos
vehículos a deterse precipitadamente ou a realizar cambios bruscos de carril
coa conseguinte perigosidade que iso conleva.
A outra zona máis afectada está apenas 50 metros máis adiante, xusto na
incorporación a esta estrada da rúa que ven de San Valentín e do acceso
principal ao estaleiro. Outra fochanca de considerables dimensións dificulta o
tránsito diario de vehículos pola zona.
A estrada N-651 é de titularidade estatal, por iso Iván Puentes, portavoz
do PSdeG-PSOE no Concello de Fene insta a Gumersindo Galego, Alcalde de Fene, a
dirixirse ao Ministerio de Fomento para lograr o amaño desta rúa e lembra que
“ser Alcalde implica tamén saír do Concello, facer moito despacho e convencer a
outras administracións para que invistan en Fene, algo que o PP local non ten
feito nestes tres anos que xa levan gobernando”.
Lembran os socialistas que a N-651 ao seu paso por Fene xa se asfaltou en
varias ocasións, pero as novas capas de asfalto sempre acaban xusto antes de
chegar á zona na que se localizan estes baches, polo que sería convinte non só
reparar as fochancas nos accesos a San Valentín, senón tamén mellorar o firme
ata a Ponte das Pías, posto que, aínda non sendo tan graves, hai tamén algunhas
irregularidades.