A SCRD Agarimo de Sillobre acolle maña martes dúas representacións (a
primeira ás 10.00 e a segunda ás 12.00 horas) da obra “Enamórate de Lope”, a
cargo da Cía. de Teatro de Blanca Marsillach. A función encádrase no
Programa de Teatro Interactivo para Persoas con Discapacidade e vai dirixida a
persoas con diversidade sensorial, emocional, intelectual ou física. A propia compañía
xa se puxo en contacto con centros e asociacións de persoas discapacitadas para
convidalas á función.
![]() |
| Blanca Marsillach |
“Enamórate de Lope”, obra baseada en poemas do
grande dramaturgo do Século de Ouro Lope de Vega, conta unha historia de amor
en tono de traxicomedia romántica. Durante a primeira parte do espectáculo, os
espectadores son testemuña de cómo evoluciona a historia de amor “conforme o
ton dos poemas se fai cada vez máis romántico e profundo”, para pasar a
continuación a unha serie de talleres interactivos nos que se realizan lecturas
dramatizadas dos textos coa participación dos espectadores. Así, nesta segunda
parte da representación, os asistentes ao teatro terán oportunidade de subir ao
escenario e recitar poemas, familiarizándose primeiro con eles (coa axuda dos
actores) e persoalizándoos ata, finalmente, facelos seus. Esta parte está
dirixida por un traballador social que propón diferentes actividades de
improvisación, poñendo a proba a espontaneidade e frescura dos participantes.
A compañía de teatro de Blanca Marsillach asinou un convenio coa Deputación
da Coruña para representar o espectáculo “Enamórate de Lope” en tres concellos
da provincia. Un deles é o de Fene.

