Ao redor de 2000 persoas participaron a pasada noite na III Festa dos Avós que organizaron as Concellerías de Cultura e Benestar Social no marco das actividades do Ciclo do Día Nacional de Galicia.
A carpa instalada na Praza do Concello de Fene quedou pequena para acoller ás centos de persoas que acudiron a este “encontro interxeracional e de homenaxe aos nosos maiores”.
Aínda que a festa comezaba ás oito do serán, foron moitas as persoas que xa dende unha hora antes foron chegando para coller sitio, adquirir os tickets para as bebidas e ir facendo cola para un xantar que, un ano máis, o Concello de Fene ofrecía de xeito gratuito (desta vez cun menú a base de empanada, churrasco, mexilóns e bola). Foi tal a avalancha de xente, que moitos dos asistentes tiveron que acomodarse no parque adxacente, a carón do Río Cádavo, ou nas beirarrúas da Avda do Concello.
Na clausura da festa, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, dirixiuse aos asistentes, aos que agradeceu a súa participación no encontro, amais de adicar unhas palabras ás Sociedades de Fene que colaboraron para que esta actividade fora un éxito.
Como colofón á III Festa dos Avós, a cantante María do Ceo ofreceu un recital no que engaiolou aos feneses/as con fados tradicionais, temas propios e versión doutros artistas como Amalia Rodrígues.








