O Museo do Humor é un dos 84
centros expositivos recollidos no novo portal do Sistema Galego de Museos
(Muga) que ofrece aos visitantes e internautas información sobre os contidos,
ubicación, contacto e tarifas dos distintos museos galegos. Nalgúns incluso,
existe a posibilidade de realizar unha visita virtual polas súas instalacións.
No apartado que “Museos de
Galicia” (http://museos.xunta.es) adica ao Museo do Humor de Fene fálase do
humor como rasgo diferencial dos galegos/as. Tamén se fai un breve achegamento
ás orixes deste centro expositivo na década dos oitenta cando “os debuxantes Siro e Xaquín Marín montaron unha
exposición que percorreu toda Galicia, acompañada dun manifesto que chamaba á
mobilización en defensa do humor”. Posteriormente, o museo “inaugurouse na Casa
da Cultura de Fene o 24 de novembro de 1984 co propósito de dar a coñecer fóra
de Galicia os mestres do humor galegos e, en Galicia, os do resto do mundo”.
Tal e como se
recolle no portal dos “Museos de Galicia”, no Museo do Humor de Fene pódense ver debuxos de Torres, Atomé, Chichi
Campos, Reimundo Patiño, Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Pinto&Chinto,
Fausto, Andrés Meixide, Chumy Chúmez, Gila, Forges, Gallego&Rey, Serafín,
Mort Walter, etc., amais de contar con dúas salas adicadas especificamente
ao humor negro e á banda deseñada. Entre os seus atractivos
salientan: os espellos deformantes, a escultura de Xaquín Marín, a figura do
"Galego das escaleiras", o busto da "Cabeza galega" ou as
figuras adicadas ao "Gaspariño" de Xaquín Marín e ao
"Carrabouxo" de Xosé Lois.
Unha
pequena galería de imaxes e a información de contacto (cun enlace á web do
Concello de Fene www.fenecidadan.net),
localización e horarios, completan o apartado do Museo do Humor no novo portal
do Sistema Galego de Museos (MUGA) que se ven de presentar en Compostela, xunto
coa nova web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.