O candidato
socialista á alcaldía de Fene, Antón Noceda, quere asinar un contrato cos
cidadáns que garanta o acceso de todas e todos á alimentación, a vestimenta, a
vivenda, a educación e a sanidade “en condicións de dignidade”. Así o
manifestou publicamente no acto de presentación da candidatura do PSdeG-PSOE,
ao que asistiron máis de 200 persoas que ateigaron o salón de actos da Casa da
Cultura fenesa. O compromiso dos socialistas inclúe a posta en marcha dun
Centro de Recursos Sociais de ámbito comarcal en colaboración coas entidades
que traballan nese eido e a creación dun banco de vivendas de aluguer para dar
cobertura ás familias vítimas de desafiuzamentos ou en situación de
precariedade social.
O
proxecto do equipo de Antón Noceda é un proxecto de rexeneración democrática
que empeza por non prometer nada que non se poida facer, porque “eu tamén estou
canso de que me prometan cousas que logo serán ou non”, manifestou o candidato.
Os socialistas de Fene artellarán fórmulas de participación veciñal na xestión
dos recursos destinados aos servizos sociais, pero tamén á cultura e ás obras.
Pero a prioridade do PSOE será o mantemento axeitado dos servizos e
equipamentos públicos nas mellores condicións, para que non pase o que está
pasando agora: rúas e espazos públicos abandonados e cheos de porquería e
parques infantís que non cumpren a normativa, por exemplo.
A
presentación da candidatura do PSOE encheu o domingo a Casa da Cultura. Abriu o
acto o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Fene e número 7 da lista,
Yosua López Pereiro, que expresou o seu orgullo de ser fenés e de ser
socialista. Antón Noceda estivo arroupado polo alcalde das Pontes, Valentín
González Formoso, que fixo exame de conciencia sobre os erros cometidos polo
partido e apelou ao socialismo como única fórmula para cambiar as cousas en
Fene. “Non me afago a pasar por Fene e ver que goberna o PP”, declarou.
A
intervención do aspirante á alcaldía chegou precedida da interpretación do
Himno do Antigo Reino de Galicia por un gaiteiro moi novo, o sobriño de Antón
Noceda, que presentou a continuación aos seus compañeiros de lista e fundiuse
nun emotivo abrazo con Manuel Allegue, presidente do partido e histórico
socialista que figura no simbólico posto 17 da candidatura. O público recibiu en
pé aos homes e mulleres que concorren ás eleccións do vindeiro 24 de maio
dispostos a gobernar Fene coa cidadanía.