“Luces, cámara,...acción!” no Verán Máis Alá de Fene
Cento vinte nenos e nenas participan dende esta semana
nunha nova edición do Verán Máis Alá! de Fene, o campus lingüístico que
organiza a Concellería de Cultura co obxecto de facilitar unha alternativa de
lecer educativo na nosa lingua, á vez que, polo seu horario, promove a
conciliación da vida laboral e familiar. Nesta ocasión, o “Verán máis alá” ten
na sétima arte o tema central sobre o que xiran todos os contidos e
actividades.
Nunha posta en escea realizada polos monitores/as, os
pequenos/as asisten nestes primeiros días de campamento á chegada duns
productores de cine dispostos a facer investimentos millonarios en novos
talentos. Deste xeito, e segundo vaia avanzando o campus lingüísticio, os/as
participantes pasarán por diferentes xéneros cinematográficos (ciencia
ficción/superheroes, cine de terror, clásicos infantís, cine de aventuras e de
acción), tanto para ambientar e dinamizar as actividades como para ubicar as
curtametraxes que vaian realizando.
O Verán Máis Alá! 2015 contempla un amplo e
diverso programa de actividades formativas e de lecer coas que coñecer os
recursos naturais, culturais, deportivos, e sociais do concello de Fene. Neste
senso, ao longo deste mes de xullo, os rapaces/as terán a oportunidade de
participar en todo tipo de actividades:
acuáticas (xogar na auga nas instalacións da piscina municipal); artísticas (fofuchas
e polichinelas superheroes, efectos especiais, decoración festa, mapa do
tesouro...); formativas (playing with tales, making off, animación á
lectura...); xogos, xogos populares e deportes convencionais; actividades
musicais, teatrais, de danza e expresión corporal (a música no cine, rodaxe e
efectos especiais, presentación e ensaios festival...); de lecer, animación e
convivencia; saídas, tanto polo propio concello (Radio Fene, Museo do Humor,
Parque de Educación Viaria, A Galaxia Imaxinaria...), coma fóra (excursión ao
Muncyt da Coruña) e, para rematar, tomarán parte nunha festa de convivencia
coas familias nas instalacións da SCR O Pote de Maniños.
Logo destas primeiras xornadas de presentación e toma de
contacto cos/as monitores/as do Verán Máis Alá!, os participantes do campus
lingüístico realizarán ao longo da vindeira semana -do 6 ao 13 de xullo- varias
saídas á piscina municipal co fin de desenvolver actividades na auga:
aprendizaxe de distintas técnicas de estilos de natación, saídas, viraxes,
exercizos de familiarización co medio acuático, adestramento de flotación e
propulsión, inmersión e desprazamentos en apnea, etc. Para o desenvolvemento
deste programa, realizaranse varias quendas, organizándose os grupos por
idades.
Coma en anos anteriores, o Verán Máis Alá! De Fene
desenvólvese no CEIP de Centieiras (Perlío), participando nel nenos/as
escolarizados en educación infantil e primaria, nados entre os anos 2003 e 2011.
Este campus lingüístico do Concello de Fene recolle dúas modalidades de
participación. A primeira delas, denominada “Máis Alá!” (de 10.00 a 14.30
horas) atinxe á programación de actividades relacionadas coa temática do
programa. A segunda modalidade, “Bos días!” (de 8.00 a 10.00 horas) permite que
os rapaces/as entren ao centro entre as oito e as dez da mañá, co fin de
facilitar a conciliación dos pais/nais.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura, as
actividades do Verán Máis Alá! 2015 pódense seguir a través do blog http://veranmaisala2015.blogspot.com.es