O PROGRAMA INCLUIRÁ MÚSICA, MAXIA E A XA TRADICIONAL XORNADA DE CONVIVENCIA INTERXERACIONAL
A cantante
cedeiresa Guadi Galego presentará esta semana en Fene “Luas de outubro e
agosto”, o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que publicou
en 2009. O concerto será este venres ás
22 horas na Praza do Concello e con él darase o pistoletazo de saída ao “Ciclo
do Día da Patria Galega” que organiza a Concellería de Cultura de Fene en
colaboración coa Deputación da Coruña e Agadic-Xunta de Galicia. O programa
desenvolveranse do 10 ao 17 de xullo na Praza do Concello con entrada libre e
baixo carpa, agás a lectura da Declaración Institucional que se fará, como é
habitual, a carón do monumento “Día da Patria Galega”, no parque liñal do Río
Cádavo.
Tralo
concerto deste venres en Fene, o vindeiro luns tocaralle o turno ao Mago Román
con “Labirinto de ilusións 2.0.”, un espectáculo no que “a maxia está acompañada
de disparatadas e cómicas historias nas que participa permanentemente o
público”. A función será tamén neste caso a partir das dez da noite.
O Ciclo do
Día da Patria Galega continuará o martes, 14 de xullo, coa celebración do X
Festival de Habaneiras “Concello de Fene” (ás 22.30 horas) no que tomarán parte
as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD
Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as
rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío.
Para o
mércores 15, a Concellería de Cultura programou unha nova edición da Xornada de
Convivencia Interxeracional “Concello de Fene”, concebida coma encontro dos
veciños/as de Fene de todas as idades. Nesta festa, que comezará ás 20 horas,
distribuirase gratuitamente churrasco, bola e empanada (até rematar
existencias). Tamén haberá zona de xogos para nenos/as e, para concluir a
xornada, ao redor das 22.30 horas, anuncianse unha actuación do grupo Los
Zares.
O xoves, 16
de xullo, volverá a maxia á Praza do Concello de Fene, desta vez co mago Dani
García que presentará a partir das 20 horas o seu último espectáculo, “Don
Gelati”. E xa para pechar o ciclo, o venres 17 de xullo a partir das 20 horas,
procederase á Lectura da Declaración Institucional, a carón do monumento “Día
da Patria Galega”, no parque liñal do Río Cádavo. No acto intervirá o escritor
fenés Pablo Bouza Suárez, autor da declaración e, ao remate, o Coro Infantil da
SCRD Agarimo de Sillobre interpretará o himno galego.