O humor gráfico volve encher as paredes da sala de exposicións da Casa da
Cultura-Museo do Humor de Fene. A partir deste venres poderase ver neste espazo
cultural a exposición “Xeración Retranca”, promovida pola Concellería de
Cultura e Ensino do Concello de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña.
A mostra recolle orixinais de destacados humoristas galegos que formaron
parte do elenco de autores que publicaron na revista Retranca entre os anos
2007 e 2011. Salientan nomes como Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Leandro,
Andrés Meixide, Miguelanxo Prado, Alberto Guitián, Luis Davila, Fernando Iglesias
"Kohell" ou José Antonio "Bernal”, xunto cos clásicos do humor
gráfico galego como Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.
A maiores, a exposición compleméntase cunha colección de paneis nos que se
da conta da historia desta singular revista, fundada en Vigo en outubro de 2007
polo debuxante Kiko Da Silva. Neles, os visitantes poderán facer un seguemento
dos principais temas tratados en Retranca, coñecerán aos autores (debuxantes,
escritores, xornalistas, etc.) que participaron no proxecto así como á súa
mascota, deseñada polo propio Kiko Da Silva.
A exposición “Xeración Retranca” permanecerá aberta ao público na sala de
exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene do 2 ao 31 de outubro.
Horario de visitas: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os
sábados, de 10 a 13 horas.
Segundo explica o estudoso Félix Caballero
Wangëmert no seu artigo “La revista Retranca y su papel catalizador del nuevo
humor gráfico gallego”, a revista
“Retranca” “constituiu un fito na historia do humor gráfico galego por dúas
razón principais: inaugurou un novo modelo de publicación en Galicia, híbrido
de humor gráfico e cómic, na liña de El Jueves, e reuniu a case a totalidade da
nova xeración de humoristas gráficos galegos (Kiko Da Silva, Pinto &
Chinto, Leandro, Meixide, Davila…), adoptando un papel catalizador. O seu
impacto traspasou pronto as fronteiras galegas: en 2007 obtivo o Premio do
Público á Mellor Revista no Salón do Cómic de Barcelona, e boa parte dos
colaboradores de El Jueves debuxaron tamén para Retranca”.