O cine Adriano de Barallobre protagoniza
de novo a vida cultural de Fene. O colectivo Lumen presenta o venres ás sete e
media da tarde na Casa da Cultura o catálogo da exposición fotográfica “Adriano
sesión contínua”. Ese mesmo dia as nove da noite no patio de butacas do
cine preséntase a plataforma “Adriano, para todos os públicos”
Segundo Mario Nodar, “o venres trátase de
cambiar o cine Adriano, para que volva a ser o que foi, poñelo en valor para
ter un futuro”. “O Adriano pode ter un futuro e a xente de Fene e Ferrolterra
debe implicarse na reivindicación dun patrimonio que necesitamos
conservar”.
Alex Pérez, fotógrafo de Sillobre, indícanos no catálogo “sempre tiven a grandísima curiosidade de ver o Adriano por dentro, coñecer como era, o estado no que se atopaba, e saber se todavia respiraba o que se pode considerar gran icona da historia de Fene, xunto co pórtico do tamén moribundo Astano”.
Indica Carolina Martinez neste catálogo: “O cine agora fica en pé esquecido, pero non morto. Se abres paseniño a porta principal podes ouvir latexar todas as historias do mundo”.
Alba Gallo afirma que o Adriano é o único protagonista, da realidade da súa beleza e os seus esforzos por manterse en pé. Cumpreu xa 43 anos sen proxeccións de películas.
O cine Adriano, patrimonio cultural de Barallobre, Maniños, Fene e Galicia. Reclámase a súa restauración e reconstrución. É unha herencia cultural común que debemos protexer, defender, conservar e preservar.