Reflexións do humorista gráfico, caricaturista e escritor SIRO LÓPEZ a
propósito da convocatoria do XX Concurso de Humor Gráfico "Curuxa do
Humor"
Tiven que buscar en Internet
para enterarme de que pasaron trinta anos des que o Museo do Humor de Fene
creou os premios Curuxa do Humor, que –cómpre dicilo- non tiveron precedentes,
nin réplica, no mundo. Soa fachendoso, pero é certo.
Cando Xaquín Marín propuxo ao
goberno municipal de Fene crear un premio de humor gráfico, inexistente daquela
en España, era xa unha excelente idea; pero acordouse tirar a casa pola ventá e
convocar tamén un premio literario, premiar un traballo humorístico nalgún
medio de comunicación, e a alguén polo labor feito a prol do humor durante toda
unha vida, ou polo menos durante unha longa etapa. Os certames gráfico e
literario tiñan doazón económica, e todos unha preciosa Curuxa deseñada polo
ceramista Fran Pérez Porto e realizada en Sargadelos.
A iniciativa do Museo do Humor
de Fene supuña que, por primeira vez en Galicia, onde, sen dúbida, é un dos
alicerces máis sólidos do noso patrimonio cultural, o humor deixaba de ser
ignorado e pasaba a ser debidamente valorado. Pero fíxose algo máis: decidiuse
conceder unha Curuxa de Barro a algún protagonista da vida pública, por exercer
con pouco ou nulo sentido do humor, ou facelo de xeito censurable en opinión do
Museo. A idea supuña un reto a ese especial sentido do humor que os galegos
posuímos e que nos permite falar todo o día “en broma”, aparentando facelo “en
serio”; desconcertando aos non galegos, que rematan por non saber “se subimos
ou baixamos a escaleira”. Pero “unha cousa é cacarexar e outra poñer ovos”, e aos
premiados ou -para falarmos con precisión- aos sinalados coa Curuxa de Barro,
maldita a gracia que lles fixo o premio e non viñeron recollelo. Ata que se lle
concedeu a Xosé Luís Barreiro Rivas, a quen se lle recoñeceu a calidade dos
artigos que como comentarista político publicaba en La Voz de Galicia, ricaces
as máis das veces en excelencias humorísticas, pero dábaselle o premio por non
escribilos en galego. E Xosé Luís Barreiro aceptouno encantadísimo e
agradecidísimo, veuno recoller ao Museo e fixo un dos discursos máis
intelixentes e divertidos que se escoitaron e escoitarán nese recinto. Aí
falláronlle os reflexos a Marín, porque ao rematar a intervención de Barreiro,
cando as risas e os aplausos do numeroso público asistente atronaban o salón,
debeu de coller unha Curuxa do Humor e darlla tamén para que saíse con unha en
cada man.
Non foi a única xornada
gloriosa que se viviu no Museo do Humor cos Premios Curuxa porque aínda que,
incomprensiblemente, por falta de participantes, desapareu o certame literario,
o de humor gráfico viviu anos de esplendor, nos que participaron profesionais
de tres continentes –houbo un ano en que se produciu unha “invasión chinesa”- e
foron premiados varios europeos e sudamericanos, de recoñecido prestixio internacional.
E todos viñeron recoller a Curuxa –e os cartos, claro-, que non era menor o prestixio
do Museo do Humor de Fene, nin o do discreto paxaro nocturno, convertido en
primoroso trofeo de caolín.
De Cuba veu Tomás Rodríguez
Zayas “Tomy”; de Croacia Otto Antón Reisinger; de Brasil Cau Gómez; de Bélxica
Luc Descheemaeker “O-sekoer”; e de Arxentina Marlene Pohle. Todos volveron aos
seus países falando marabillas deste pequeno concello do finisterre europeo,
onde por iniciativa dun asesor cultural naceu un Museo do Humor, e pola
excelente xestión do director, extraordinario humorista gráfico tamén, un
paxaro que a penas voa porque gusta de estar quieto e quedo, mandando calar
ademais, chegara a medio mundo.
Tomás Rodríguez Zayas morreu no
2010 e Otto Antón Reisinger no 2016, e nestas luctuosas novas nótanse os trinta
anos das Curuxas do Humor, que seguen tan mozas e belidas coma sempre. Seino
porque eu son afortunadísimo e teño dúas: a que se lle concedeu ao programa
radiofónico Corre carmela que chove, que
os integrantes do grupo quixeron que fose para min; e a que premiou a vida que
adiquei ao exercicio do humor en tantas facetas. Para non semellar modesto non
vou ser hipócrita e non direi que foi un premio inmerecido. Si, merecíao,
déronmo, agradecino e sigo agradecéndoo cada día; cada vez que ollo e admiro os
trofeos. Fanme sentir que, malia os moitos erros que cometín, nesto do humor
non me trabuquei de todo.
Alégrame que o Museo do Humor
de Fene recupere as Curuxas e deséxolles aos dous longa vida; de momento,
outros trinta anos –esta vez ininterrompidos- para recuperar aquel prestixio da
Idade de Ouro. Con moito, moito humor e vontade, seguro que o conseguen.