A
CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO EDITOU UN FOLLETO CON TODA A PROGRAMACIÓN DO
“MAIO, MES DAS LETRAS”
As
sociedades do Concello de Fene intensifican a partir desta fin de semana o seu
programa de actividades de cara á vindeira conmemoración do Día das Letras
Galegas. A AVV de Magalofes, Agarimo de Sillobre, a Liga de Amigos de
Barallobre, o Círculo de Perlío, o CPS de San Valentín, o CMI Unidade de Fene e
a sociedade O Pote de Maniños anuncian diversos actos para estes días, no marco
do programa “Maio, Mes das Letras” (organizado coa colaboración da Concellería
de Cultura e Ensino).
Para este
venres, 13 de maio, a AVV de Magalofes anuncia a apertura dunha
exposición dos labores das palilleiras da parroquia e, en Agarimo de Sillobre,
unha exposición fotográfica e un concurso de fotografía.
Na Liga
de Amigos de Barallobre, a partir das 19 horas, comezan este venres os actos
das Letras Galegas coa inauguración dunha exposición dos traballos feitos nos
obradoiros da sociedade, á que seguirá unha conferencia sobre Manuel María, a
cargo do director do Ceip O Ramo, Benigno Sánchez Vales. Ao remate do
faladoiro, actuará en Barallobre o grupo de música tradicional Airiños da
Capela.
E, xa por
último, en Perlío, o Círculo anuncia para as 20.30 horas deste venres unha actuación do grupo de teatro Agarimo
de Sillobre cunha representación da obra “Espérame no ceo”.
O sábado,
14 de maio, haberá unha churrascada na AVV de Magalofes e, en San Valentín,
un festival de corais organizado polo CPS no auditorio do colexio CPI A
Xunqueira (20.00 horas). O certame contará coas actuacións do Coro Xoven da
ESMU Pepe Valiña de Baio, da Coral Polifónica de Carnota, da Coral
Xan Mella de Baio e da Coral Polifónica de San Valentín.
O programa
de actividades previsto para este sábado inclúe tamén a presentación, ás 20.00
horas, do libro gañador do “XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez
Parallé” no local do CMI Unidade de Fene. Trátase da obra Os nomes e os
himnos, de Jesús Castro Yáñez. O acto completarase coa actuación do grupo Lenda
Ártabra.
No CCRD
de Perlío tamén se anuncia para o sábado unha actuación dos grupos Orquestra
infantil “Charamela” de Pontedeume; trío A culpa foi de Lolo; e
rondalla Perla del río do CCRD de Perlío. Ao remate, haberá unha
degustación de chourizos con pan e viño e, de sobremesa, bola e queimada.
No Pote
de Maniños organizaron para este sábado a tradicional “Cea-baile da flor”, coa
actuación do Trío Boreal.
O
domingo, 15 de maio, a AVV de Magalofes pechará o seu ciclo das Letras
Galegas cunha actuación (19.30 horas) dun grupo de nenos/as da sociedade e con
exhibicións de bailes de salón. Para ese día, a SCRD Agarimo de Sillobre
programou unha excursión á Ribeira Sacra e no local do Pote inaugurarase unha
exposición pictórica de Gloria Tenreiro (que se amosará nesta entidade ata o
día 23 de maio)
As
actividades do programa “Maio, Mes das Letras” continuarán nas sociedades de
Fene o luns, 16 de maio, cunha proxección da película Sempre Xonxa
(20.00 horas) no auditorio do CPS de San Valentín; coa apertura das exposicións
dos traballos realizados polo alumnado das escolas culturais do Pote de
Maniños; e cunha representación (20.30 horas) na Liga de Amigos de Barallobre,
a cargo do grupo de teatro da Escola de Teatro de Agarimo (obra:
“Espérame no ceo”).
Para o Día
das Letras Galegas, o martes 17 de maio, a sociedade Agarimo de Sillobre
programou unha ruta de sendeirimo, con saída ás 10.00 horas do local da
entidade. No Pote de Maniños anúnciase unha actuación (18:00 horas) do Tradicoro
de Airiños de Fene e da Coral Polifónica O Pote. Na Liga de Amigos de
Barallobre proxectarase (19:00 horas) a película Sempre Xonxa e no CMI
Unidade de Fene pecharán ese día a programación das Letras Galegas cunha misa
cantada (20.00 h.) pola Rondalla Estrelecer na parroquia do Divino
Salvador, en lembranza do socios/as falecidos/as. Ao remate, en torno ás 21.00
horas, haberá unha conferencia sobre Manuel María no local do CMI que correrá a
cargo do escritor Miguel Anxo Mato Fondo. No mesmo acto, entregaranse as
insignias de prata aos socios/as que levan 50 anos e pecharán a xornada cunha
actuación da Rondalla Estrelecer e co reparto da tradicional queimada,
acompañada de proia.
O mércores,
18 de maio, continuarán as actividades nas sociedades de Fene cun
faladoiro-coloquio (18:00 h.) para homenaxear a Manuel María no CPS de San
Valentín e cunha representación (20.00
h.) no Pote de Maniños, a cargo da compañía O son da farsa (obra: Dereita e
esquerda)
Co
programa “Maio, mes das letras”, o Concello de Fene e o movemento asociativo do
termo municipal conflúen un ano máis na conmemoración do Día das Letras
Galegas, “data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa
lingua”.
Descarga el folleto programa en PDF aquí
Descarga el folleto programa en PDF aquí