O
xurado do XX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido esta mañá nas
instalacións do Museo do Humor de Fene, ven de dar a coñecer os nomes dos
gañadores/as do certame na súa edición 2016. O xurado -formado polo alcalde de
Fene, Juventino Trigo, pola concelleira de Cultura, Amalia García, polos
debuxantes Juan Carlos Abraldes, Luís Davila e Santy Gutiérrez, e polo xestor
de Actividades Culturais do Concello (que actuou en calidade de secretario do
certame), Daniel Romero- acordou por unanimidade conceder os premios a:
Categoría
CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)
- 2.º Premio, dotado con 500 euros e diploma, ao traballo presentado co lema A GAIVOTA DE AMALIA. Aberta a plica a súa autora é ALBA SOUTO RODRÍGUEZ. O xurado valorou o seu estilo persoal, o traballo da cor e a crítica social reflectida na denuncia da contaminación.
- 1.º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma, ao traballo presentado co lema BUXATIÑO. Aberta a plica o seu autor é CRISTIAN FOJÓN CARUNCHO co título “Adaptación ao medio”. O xurado salienta a súa grande calidade gráfica e orixinalidade no aproveitamento dun tema de actualidade nas redes sociais para plasmalo de xeito humorístico en formato de cómic.
Categoría
CURUXA (maiores de 25 anos)
- 1.º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma, ao traballo presentado co lema RAY. Aberta a plica o seu autor é ALBERTO CARDONA VALCARCEL. O xurado destaca o pouso que deixa a historia, unha historia aberta, de humor negro, cunha excelente resolución gráfica acorde coa temática abordada.
- 2.º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma, ao traballo presentado co lema BOMBILLA, título MODERNAS. Aberta a plica ANTÓN LEZCANO GONZÁLEZ. O xurado destacou o seu humor directo e moi galego, contrapoñendo a modernidade con aquilo que funcionou toda a vida.