O xurado do premio "Curuxa do
Humor 2016", formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira
de Cultura, Amalia García, o xestor de actividades culturais do Concello,
Daniel Romero, e os debuxantes Santy Gutiérrez, Abraldes e Luis Davila, reunirase
no Museo do Humor de Fene o venres 17 de xuño, ás 12.00 horas, para elixir
aos/ás gañadores/as do certame que se darán a coñecer ese mesmo día a través da
páxina web municipal www.fenecidadan.gal
e dos diferentes medios de comunicación.
CURRÍCULO
DOS MEMBROS DO XURADO
SANTIAGO GUTIÉRREZ, “Santy” (Vigo, 1971). Adícase profesionalmente ao debuxo dende
1993, realizando viñetas de humor gráfico para a prensa galega. Ten colaborado
con El Correo Gallego, La Voz de Galicia, La REgión de Ourense, Atlántico
Diario, e actualmente ten sección diaria no xornal Diario de Pontevedra, El
Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, L-V, La Opinión de Tenerife e Diario
de Mallorca. O seu traballo como humorista gráfico valeulle numerosos
recoñecementos, entre os que salientan o primeiro premio e dous accésits no
concurso nacional de Humor Gráfico Joven&Brillante e o primeiro premio da
Bienal da caricatura de Ourense. Tamén ten colaborado con revistas de tirada
nacional como MisterK,
El Jueves, Autobild e Personal Computer & Internet (ed. Axel Springer).
Como
ilustrador editorial posúe un amplo catálogo de títulos publicados, destacando
a súa traxectoria en libros de texto e de literatura infantil e xuvenil,
traballando de xeito regular para editoriais como Xerais, Anaya, Rodeira,
Edebé, Bromera Edicións, Pearson Publishers, Edelvives ou Bruño.
Membro
fundador do estudio Baobab, estudio de referencia no noroeste español onde
comparten espazo de traballo e sinerxias profesionais un dos grupos de autres
máis destacados do sector en Galicia. Santy Gutiérrez é expresidente da
Asociación GAlega de Profesionais da Ilustración (AGPI), plataforma integrada
na Federación Nacional de Asociacións de Ilustradores Profesionais e dende a
que traballa para a mellora global das condicións profesionais e a
dignificación da profesión.
JUAN CARLOS ABRALDES RENDO (Barcelona, 1971). Artista conceptual
independente que traballa no eido do cine, da televisión, dos xogos, da
animación, do deseño, deseño de xoguetes, envases, escenografías, vestiario,
libros e revistas.
Estudou Artes Aplicadas na escola Mestre Mateo de
Santiago de Compostela. Comezou traballando como ilustrador freelance en
diferentes revistas e xornais. Tamén traballou na productora Dygra,
participando en proxectos como a película de animación 3D “El bosque animado”,
“Una noche de verano” ou “Holy Night”. En 2005 pasou a traballar para IB
Cinema, deseñando a animación do filme “Linko Killer”. Dende xaneiro de 2006
ata o mes de outubro de 2014 traballou como director artístico na compañía
Ficción Producciones (empresa adicada á producción audiovisuais e de
videoxogos). Previamente tamén traballou como animador 2D no programa “Xabarín
Club” da Televisión de Galicia.
Colaborador habitual do xornal La Voz de Galicia
e doutras publicacións como “Creeps”, “Tomb of Terror”, etc. Tamén realiza
traballos de ilustración e cómic para a compañía lAlma3D de Santiago de
Compostela.
LUIS DAVILA MALVIDO (Bueu, Pontevedra 1972) Deseñador gráfico. Estudou na escola de
Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña. Humorista gráfico moi coñecido polas
súas tiras de humor “O bichero” e “O fotomatón”. De “O bichero” ten publicado (autoedición) cinco volumes nos
que se compilan as súas mellores tiras cómicas.
Publica habitualmente no xornal decano da prensa
española, o Faro de Vigo. Ademais, nos últimos anos, o seu traballo esta
acadando cada vez máis repercusión, tanto pola súa intensa (e acertada)
presenza nas redes sociais, como por participar en iniciativas tan varias coma
realizar escpectáculos co actor Carlos Blanco como por colaborar cunha coñecida
marca de camisetas.
O seu estilo combina unha fina retranca e un tratamento
irónico e intelixente da actualidade (política, social, económica e, mesmo,
deportiva) xunto a un certeiro retrato da idiosincrasia galega, sacándolle
punta aos estereotipos, rindo deles e facendo rir con situacións que non
resultan inverosímiles.