Con motivo da vindeira celebración do Día
das Letras 2017, a Concellería de Cultura de Fene e e os Equipos de
Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello convocan a sétima
edición do concurso de Microrrelatos e o cuarto Certame de Creación Artística
“En galego? É o noso!”. Ambos os dous concursos están dirixidos ao alumnado dos
centros educativos do Concello de Fene.
Os/as
rapaces/as interesados/as en participar no VII CONCURSO DE MICRORRELATOS
deberán elaborar un texto narrativo en lingua galega, que non poderá exceder as
150 palabras (microrrelato) e que, partindo do tema proposto este ano que son
“As columnas `Á marxe´ de Carlos Casares”, comece polo seguinte texto: O gato Samuel
O concurso
constará de dúas fases: unha interna e outra intercentros. Na fase interna os
traballos elaborados serán entregados ao profesorado encargado deste concurso
en cada centro educativo e será o propio centro quen decida a composición do
xurado. Para a fase intercentros, os traballos seleccionados (máximo de dous
por categoría) recolleranse por persoal do Departamento de Cultura nos centros
de ensino participantes.
Os traballos
virán acompañados dun sobre pechado, que será o único lugar no que constarán os
datos identificativos do/a autor/a do traballo. As persoas menores de idade
terán que incluír no sobre, obrigatoriamente, un escrito asinado polo seu
represente legal (pai/nai/titor/a) no que se faga constar que aceptan as bases
da convocatoria e autorizan á persoa menor de idade a participar no concurso
así como fotocopia do DNI do/a participante.
O xurado
estará composto por unha comisión formada por dous membros de cada centro
escolar participante (un/ha profesor/a e un/ha alumno/a) e un representante do
Concello que ditaminará sobre o concurso de xeito inapelable, podendo declarar
os premios desertos. Os/as membros do xurado non poderán votar os traballos
presentados polo seu propio centro.
Establécese
un único premio por categoría.
a) 5º e 6º curso de Primaria, único premio: vale por un importe de 100 €
en libros e/ou material escolar.
b) 1º e 2º curso de ESO, único premio: vale por un importe de 100 € en
libros e/ou material escolar.
c) 3º e 4º curso de ESO, único premio: vale por un importe de 100 € en
libros e/ou material escolar.
d) Bacharelato e Ciclos Formativos, único premio: vale por un importe de
100 € en libros e/ou material escolar.
Ademais, o
Concello de Fene editará en formato papel e dixital (páxina web do Concello)
todos os micorrelatos da fase intercentros.
O prazo para
entregar os traballos ao Xurado remata o venres 5 de maio na fase interna
(entregar no propio centro educativo) e o venres 19 de maio para a fase
intercentros (entregar na Área de Normalización Lingüística do Concello). O
resultado darase a coñecer por parte do Concello de Fene na páxina web
municipal e a todos os centros de ensino participantes.
A entrega de premios e presentación da publicación cos microrrelatos terá
lugar na Casa da Cultura en data a determinar.
En canto ao
IV CERTAME DE CREACIÓN ARTÍSTICA “EN GALEGO? É O NOSO!”, dende a
Concellería de Cultura de Fene infórmase de que os/as participantes deberán presentar
unha composición plástica orixinal en calquera destas modalidades: debuxo,
pintura, colaxe e fotografía ou, de ser alumno/a de 2º ciclo da ESO,
Bacharelato ou ciclos formativos, nalgún soporte relacionado coas TIC (vídeo,
3GP, flv, avi, mp4, mov ou calquera outro de uso habitual). As obras en
soporte relacionado coas TIC
poderán ter un espazo máximo de 10 MB.
Ademais,
para a realización da súa obra, os/as rapaces/as deberán inspirarse en calquera
dos poemas recollidos na escolma de poetas contemporáneos que se inclúe nas
bases (anexo I), indicando o texto seleccionado e se a súa autoría é individual
ou colectiva, en función da categoría na que concurse (Educación Infantil;
1º/2º/3º de educación primaria; 4º/5º/6º de educación primaria; ESO;
Bacharelato e Ciclos Formativos).
A
participación nos niveis de educación infantil e 1º, 2º e 3º de educación
primaria será colectiva; isto é por curso, aula ou grupo de alumnos/as mentres
que nos restantes niveis será a título individual coas matizacións indicadas na
Base 3ª para os soportes TIC.
Os
traballos a concurso terán que se axustar ás seguintes dimensións: tamaño
cartolina, formato A-3 ou tamaño A-4.
Igual
que no certame de microrrelatos, os centros participantes desenvolverán as súas
actividades en dúas fases (interna primeiro e logo intercentros).
Na
primeira fase realizaranse actividades que relacionen o mundo da expresión
poética co da expresión plástica ou as novas tecnoloxías. Nesta fase interna, a
dirección/profesorado de cada colexio seleccionará tres obras por nivel, agás
na modalidade das novas tecnoloxías, na que cada
centro poderá enviar unha polo nivel da ESO, unha de Bacharelato e unha de
Ciclos Formativos.
Os
centros deberán presentar os orixinais seleccionados no Departamento de Cultura
e Ensino antes do vindeiro 19 de maio de 2017.
Os
centros participantes recibirán, en concepto de axuda á participación, un vale
para adquisición de material escolar cuxa contía dependerá do número de
alumnos/as do centro segundo a seguinte ratio: de 5 a 25 alumnos/as, 25 €; de 25 a 100 alumnos/as, 100 €; de 100
a 350 alumnos/as, 300 €; máis de 350 alumnos/as, 400 €.
Todos
os orixinais presentados na fase intercentros pasarán a ser propiedade dos
centros de ensino nos que estean matriculados os/as alumnos/as
seleccionados/as. O Concello de Fene resérvase o dereito a utilizalos nas súas
publicacións, citando sempre a autoría do traballo.
Coas
obras seleccionadas o Concello de Fene realizará unha exposición pública que se
inaugurará durante a primeira quincena do mes de xuño na Casa da Cultura de
Fene.