Baixo o lema “Ímonos de viaxe!”
volve un ano máis o programa de conciliación da vida laboral familiar “Verán
máis alá”, dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria
nado entre os anos 2005 e 2013 (idades de referencia, de 3 a 12 anos). O “Verán máis alá” de Fene é un espazo
lúdico-educativo non regrado no que se practica e fomenta o galego como lingua
de uso, amais de “promovérense contidos transversais que respondan aos
problemas sociais e que teñan presente a formación en valores: educación para a
paz e a non violencia, a tolerancia, a solidariedade, a igualdade social, a
igualdade entre mulleres e homes, etc.”
O Verán Máis Alá 2017 desenvolverase do 3 ao 28 de xullo nas instalacións
do CEIP Centieiras de Perlío. Tendo en conta que un dos obxectivos deste
programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un ano máis
estruturarase en dous bloques horarios:
Bo día! Dende as 8:00 ata as 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán
incorporarse a calquera hora nesta franxa horaria).
Máis alá! que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 horas (os nenos
e as nenas deberán incorporarse ás 10.00 h e saír entre as 14:00 e as 14:30
horas).
Segundo informan dende a
Concellería de Cultura, o Verán Máis Alá! deste ano xira en torno á declaración
deste ano 2017 como Ano do Turismo Sostible para o Desenvolvemento. Así,
consonte a esta declaración por parte da ONU,
o campus lingüístico do Concello de Fene versará nesta ocasión sobre “o
turismo sostible como xeito de promover unha mellor comprensión entre os pobos
de todas as partes do mundo, conducir a que se tome unha maior conciencia da
riqueza do patrimonio das diversas civilizacións e ter unha mellor apreciación
dos valores inherentes ás diversas culturas, contribuíndo así ao fortalecemento
da paz no mundo”.
Nesta nova edición do Verán Máis
Alá de Fene, os pequenos/as que se inscriban realizarán distintas actividades:
artísticas (empregando diferentes materiais que maximicen o seu potencial
creativo); formativas coma os contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia
divertida, etc. (para apoiar o currículo formal escolar, sen perder de vista o
contexto lúdico e educativo no que se desenvolven); xogos cooperativos e
populares, predeporte e deportes convencionais (para favorecer a socialización,
a cooperación a tolerancia e o xogo limpo); actividades acuáticas na Piscina
Municipal; excursións polo Concello de Fene e outros puntos da comarca; danza,
música, teatro (traballando con distintas coreografías, bailes e ritmos a
expresión corporal e a elasticidade)…
Os/as veciños/as de Fene interesados en anotar aos seus pequenos/as neste
programa municipal deberán entregar o 7 ou 8 de xuño no Departamento de Cultura
e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán) a ficha de datos -que se
pode descargar na web municipal www.fenecidadan.gal-
e un volante de empadroamento no que se acredite que o neno/a leva empadroado
en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2017. O venres 9 de xuño tamén se poderán inscribir os/as
veciños/as doutros Concellos (entregando únicamente a ficha de datos), sempre
que queden prazas libres. Coma todos os anos, as 120 prazas previstas por cada
quincena cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O luns 12 de xuño publicarase na web www.fenecidadan.gal
a listaxe dos/as participantes no
XV Verán Máis Alá! Publicada a listaxe, as familias dos nenos/as inscritos
realizarán o ingreso bancario (do que deberán entregar xustificante no
Departamento de Cultura e Deportes antes das 14:00 h do venres 16 de xuño) coa
fotocopia da tarxeta sanitaria e un xustificante médico, no suposto que o
neno/a precise dun tratamento específico, amais dunha fotografía tamaño carné
co nome do/a neno/a escrito pola parte de atrás.
O custe da
actividade (todo o mes) ascende a 68,15 € para o primeiro membro da unidade
familiar matriculado, e a 36,70 € a partir do segundo membro da unidade
familiar. No caso de apuntar ao/á pequeno/a durante unha quincena nada máis, o
custe será de 34,08 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e
de 18,35 € a partir do segundo membro da unidade familiar.
Para as familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas
poderán reducirse no 50% e mesmo poderán acceder gratuitamente á actividade nos
termos sinalados no artigo 4. da Ordenanza fiscal núm. 2 .
MÁIS INFORMACIÓN
No Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44,
entrechán dereita, 15500 Fene) Teléf.: 981 340 366. Correo electrónico: cultura.deportes@fene.gal