Os
portavoces do Partido Popular, Gumersindo Galego, e PSdeG, Antón Noceda, así
como o concelleiro de Somos Fene César Castro, acudiron este mediodía ao
Concello de Fene, acompañados doutros edís do PP, para rexistrar unha moción de
censura que finalmente tiveron que retirar por un defecto de forma.
Era cuestión
de tempo -o ruxe-ruxe leva meses na rúa- que as tres forzas da oposición
concretasen a moción, unha decisión da que xa se viña falando cando menos
desde finais do ano pasado, logo de o alcalde do BNG, Juventino Trigo, ter
retirado as competencias aos cinco edís –tres do PSdeG e dous de Somos Fene-
que até agosto facían parte do goberno local, canda os catro concelleiros
dos nacionalistas e a representante de Esquerda Unida, polos incumprimentos
pactados para a elaboración dos orzamentos.
Os
impulsores da moción de censura tiveron que dar marcha atrás na súa
decisión e retirar a moción após a secretaria lles comunicar que unhas horas
antes recibira por vía telemática unha certificación na que o responsábel de
Organización do partido Participación Democrática Directa –matriz de Somos
Fene-, Ramón Mouriño, informaba do acordo adoptado na noite de onte pola
Coordinadora Nacional da formación polo cal se lles retiraba aos edís de Somos
Fene, César Castro e Xosé Manuel Rodríguez Bastida, a representación de PDD na
corporación municipal de Fene, solicitando asemade que pasen a a seren
considerados concelleiros non adscritos.
O escrito
remitido por PDD explica que o partido se desvincula de “calquera actuación que
realicen estas persoas” e insiste en que “as candidaturas promovidas por PDD
teñen como obxectivo principal promover a participación dos veciños nos
concellos e mudar os xeitos de facer política, polo que á vista das novas
recibidas dunha negociación para unha posíbel moción de censura, non podemos
amparar actuacións que vaian en contra do espírito e principios que inspiraron
estas candidaturas”.
A
negociación da moción non só está a provocar marexada en Somos Fene. A semana
pasada, o secretario xeral do PSdeG de Fene, Joaquín Ayala –tamén concelleiro-
e o responsábel de Organización, José Pico, presentaron a súa dimisión dos seus
respectivos cargos orgánicos como medida de protesta pola preparación da moción
de censura, que contaría co visto e prace dos outros dous concelleiros
socialistas na corporación fenesa.
A
corporación de Fene constituíuse en xuño de 2015 con 7 concelleiros do PP, 4 do
BNG, 3 de PSdeG, 2 de Somos Fene e 1 de Esquerda Unida.