A
piscina municipal de Centieiras acolleu o pasado sábado a primeira das xornadas
de mergullo adaptado que organiza a Concellería de Deportes de Fene, no marco
da súa oferta de actividades deportivas para a primavera-verán. A finalidade desta
actividade é promover a integración das persoas con diversidade funcional e
favorecer a súa participación, logo das dúas xornadas preparatorias en piscina
(os sábados 10 e 17 de xuño), no paseo subacuático que terá lugar o domingo 25
de xuño na praia de Chanteiro.
Dende
a Concellería de Deportes de Fene saliéntase o éxito desta actividade que foi
acollida con grande interese e expectación por parte da cidadanía. De feito,
non só se cubriron rapidamente as seis prazas ofertadas (os grupos son
reducidos, tanto polas necesidades de persoal como de material adaptado á
actividade) senón que, incluso, quedou xente en lista de agarda. Dos seis
participantes nestas xornadas de achegamento ao deporte do mergullo, tres
poderán tomar parte na derradeira sesión dos “bautismos para maiores de 16
anos” que organiza o Concello de Fene e que conclúe todos os anos co bautismo
de mar na praia de Chanteiro.
Por segundo ano consecutivo,
o Concello de Fene organiza, xunto cos tradicionais bautismos de mergullo para
nenos e para maiores de 16 anos, os chamados bautismos de mergullo adaptado. A
actividade desenvólvese baixo a supervisión de monitores do CAS Nautilus certificados
e con adestramento específico para mergullarse con persoas con calquera tipo de
discapacidade ou necesidades especiais.
Nos bautismos de mergullo, os
participantes empregan material adaptado (equipo lixeiro) co que practican a
forma de respiración axeitada, relaxación, normas de seguridade e sinais submariñas.
Tamén realizan xogos adaptados ás necesidades específicas de cada un.