A praza do alcalde Ramón Souto
González acollerá este xoves 13 de xullo,
a partir das 20.00 horas, unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada
de convivencia interxeracional na que
maiores e pequenos de Fene comparten unha tarde de lecer, gastronomía e música.
Entre os principais atractivos da
xornada, salientará a tradicional churrascada, inchables para os nenos/as e
unha actuación musical que este ano correrá a cargo do Trío Siboney de Cuba.
As persoas que desexen asistir á churrascada da
Festa da Veciñanza -e non mercaran os tickets durante o período de venda
anticipada- poderán adquirilos o mesmo xoves a partir das oito do serán. Dende
a Concellería de Cultura de Fene advírtese de que o día da festa só se porán á
venda un máximo de 200 tickets. Venderanse ao prezo de 5 €, podendo logo
canxearse por unha ración que incluirá prato de empanada, churrasco, bola de
ovo e botella de auga.
A churrascada, organizada pola AAVV de Magalofes
coa colaboración das sociedades culturais e veciñais de Fene e do propio Concello,
comezará ás 20.00 horas e completarase a partir das 22.30 horas cun “baile
actuación” a cargo do Trío Siboney. Para os máis pequenos/as da casa, anúnciase
tamén unha zona de inchables.
TRÍO
SIBONEY
Orixinarios de Camagüey, Geovani Gonzalez (voz principal
e percusión), Alfredo Alvarez (piano e coros) e Tato Rivera (percusión, congas,
bongo e coros) forman este grupo de pura música cubana que interpreta ritmos e
melodías da súa terra natal coa mestría propia dos grandes no seu estilo. Nesta
ocasión, actuarán acompañados de Pablo (maracas, voz e coros).
O trío Siboney inclúe no seu repertorio diferentes
estilos da música popular de Cuba coma o bolero, o chá chá chá, a guajira, e o
son cubano, entre outros. Algunhas das cancións que forman parte do seu
repertorio son: Esperanza, Me voy pal pueblo ou El
cuarto de Tula.
Ao seu paso por Fene, o trío Siboney fará un repaso
por cancións eternas e melodías que permanecen na memoria de todos.
Trala festa da veciñanza do xoves
13 de xullo, o programa que organiza a Concellería de Cultura de Fene
continuará o venres 14 de xullo (20.30
horas) coa lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Lineal do
Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”.