O conselleiro de Política Social,
José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,
participaron hoxe na presentación da 30 edición da Pantín Classic Galicia Pro.
A cita tivo lugar na praia de Pantín, en Valdoviño, escenario desta competición
de surf que comeza mañá ata o domingo.
José Manuel Rey Varela destacou que
este evento deportivo se ten consolidado como unha das probas de surf máis
importantes do calendario mundial. De feito, a proba forma parte do circuíto
internacional de surf gracias á homologación da World Surf League (WSL). Por
iso, subliñou a importancia da Pantín Classic Galicia Pro na promoción
turística da Comunidade e puxo en valor o apoio da Xunta por unha práctica
deportiva vencellada a valores como a liberdade, a natureza e o respecto e
coidado do medio ambiente e do patrimonio natural.
Pola súa banda, a directora de
Turismo de Galicia celebrou a consolidación desta cita anual que contribúe a
impulsar Ferrolterra como un referente internacional no turismo de surf e coa
que o Goberno galego colabora a través dun convenio asinado co Club Praia de
Pantín.
Tres décadas de aposta “visionaria”
Nava Castro referiuse á proposta
“visionaria” dos organizadores. Visionaria, afirmou, porque desde o departamento
que dirixe insiste sempre na importancia de especializar e diversificar a
oferta turística e de aproveitar os recursos endóxenos para desestacionalizar a
demanda, “algo polo que este grupo de entusiastas do surf leva apostado desde
hai tres décadas”.
A Pantín Classic Galicia Pro,
declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, contou na súa pasada edición
con preto de 55.000 asistentes e esperta a atención de destacados surfistas
profesionais de distintas categorías e países, un “boísimo estado de forma”
que, en opinión de Nava Castro, “non é nada comparado co que aínda podería
representar no futuro”.
A Estratexia do turismo de Galicia
2020, a folla de ruta da Xunta e o sector neste importante eido económico, coa
calidade e a sustentabilidade como guías, presta especial atención ao deporte e
o turismo activo como unha canle para enriquecer a actividade turística. O
turismo de surf supón, neste sentido, unha das prácticas impulsadas no marco
desta Estratexia para fortalecer a captación de viaxeiros nas zonas de praia e
costa ao longo de todo o ano.
GALERIA
GALERIA