"Poesía: a grafía da
emoción" é o título do obradoiro de creación literaria organizado pola
Concellaría de Cultura de Fene e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega
co que se pretende estimular e fomentar a creatividade poética entre a
veciñanza. Serán dez sesións na biblioteca pública Xosé María Pérez Parallé que
se desenvolverá os mércores e xoves desde mediados de setembro até novembro. O
prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 ao 12 de setembro na propia biblioteca
e ofértanse 20 prazas. Á fronte das sesións estará o escritor fenés Pablo Bouza
Suárez, premiado nunha decena de ocasións polos seus poemarios, recollidos xa
en cinco obras.
O obradoiro enmárcase na Escola de
Escritoras e Escritores da AELG, que centra os seus esforzos en impartir por
toda Galicia talleres nos que se abordan diferentes xéneros literarios e
contidos. Trátase dunha iniciativa guiada polos propios autores e autoras, coa
finalidade de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador,
"tentando concienciar á sociedade do imprescindible que é a estimulación
creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do
individuo". Neste sentido, o proxecto aposta por ofrecer -sobre todo á
mocidade- un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as
súas raíces.
A actividade busca, polo tanto,
estimular a sensibilidade e a creatividade poética, traballando para iso sobre
a linguaxe, a expresión escrita e oral, as técnicas poéticas ou a declamación.
Temas xenéricos que se abordarán nun contexto lúdico e de traballo en grupo a
través de varios apartados máis concretos: a definición da poesía, os versos e
outros elementos formais da poesía, os recursos fonéticos e semánticos, as
formas e estruturas, poetas e fontes, a lectura e a entoación, referenzas da
poesía galega contemporánea e actual -coa visita dalgún autor ou autora- e, por
último, a procura do estilo propio e a súa manifestación coa escrita de poemas
que se lerán ou recitarán ao final do proxecto.
Nese camiño as persoas participantes
contarán co apoio e os coñecementos de Pablo Bouza. Nado en Fene en 1965, Bouza
é Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola USC e na súa faceta
literaria cómpre destacar que é autor de cinco libros e gañador, entre outros
premios poéticos, do Pérez Parallé en dúas ocasións.
Segundo explica o poeta, no taller
"primará o traballo de escrita" para o que el fará as veces de
"mediador que ilusione ao alumnado, contaxiándolle o pracer da
poesía". O escritor busca, en definitiva, que o grupo "viva a poesía
e o proceso creativo como unha festa da palabra".
Inscricións a partir do 1º de setembro
O obradoiro "Poesía: a grafía
da emoción" desenvolverase do 14 de setembro ao 16 de novembro na aula de
estudo da biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé. Distribuirase en 10
sesións de 2 horas cada unha os mércores e xoves de 18.30 a 20.30h.
A participación é gratuíta e
ofértanse 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O único requisito
que se esixe é ter máis de 16 anos. O prazo para apuntarse estará aberto desde
o 1 ao 12 de setembro na propia bilbioteca, situada na Casa da Cultura-Museo do
Humor. Desde o 1 ao 8 as solicitudes poderán facerse de luns a venres de 10 a
14.00h. e os días 11 e 12 xa no horario normal do servizo, é dicir, entre as
16.30 e as 20.30h.
"Poesía: a grafía da
emoción" está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores
en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Fene-Biblioteca
Pública Municipal "Xosé María Pérez Parallé", co patrocinio da
Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura.