A conselleira do Medio Rural,
Ángeles Vázquez, recibiu esta mañá en San Caetano ao alcalde de Cedeira, Pablo Diego
Moredo, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas deste concello
en relación co agro. En concreto, estiveron analizando a posibilidade de
colaborar na mellora de infraestruturas rurais neste municipio coruñés situadas
nos montes da Capelada.
Así mesmo, tamén se analizaron
as obras executadas a través do Plan marco de mellora de camiños municipais,
que permiten acondicionar os viarios e mellorar desta forma as condicións de
vida dos residentes nas áreas rurais. Precisamente nestes dous últimos anos, o
concello de Cedeira tivo unha achega de preto de 130.000 euros a través desta
liña de achegas.
Durante a súa xuntanza, ambos
responsables abordaron outros temas relacionados coa mellora da cabana gandeira
na zona e as medidas adoptadas neste concello en relación coa couza
guatemalteca da pataca. Neste senso, a conselleira insistiu en que se están a
tomar todas as medidas necesarias para erradicar esta praga, agradecendo a
colaboración por parte do concello e dos propios veciños.
Fuente: Xunta de Galicia