O delegado territorial da Xunta na
Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de adecuación de 17 vivendas
de promoción pública que se están a executar na cidade de Ferrol, e que supoñen
un investimento de algo máis de 222.000 euros. Os traballos de reforma estarán
rematados antes de fin de ano e saíron a licitación en dous lotes diferentes.
Por unha banda actúase sobre nove vivendas que xa foron adxudicadas este verán
e que supoñen un investimento de máis de 110.000 euros. As outras oito, cun
investimento de 112.000 euros, están pendentes de adxudicar mediante un proceso
que desembocará nun sorteo ante notario o vindeiro 19 de decembro.
As vivendas sobre as que se está a
actuar están situadas nos barrios de Caranza e Esteiro, e nelas trabállase na
actualización de instalación de fontanería e auga quente, con cambio de
caldeira, cambio de alicatados, plaquetas e sanitarios, instalación de mobles
baixos e altos nas cociñas con vitrocerámica, forno, campá e outros electrodomésticos,
pintado e reparación de fisuras e, nalgúns casos, cambio de portas interiores e
mesmo da de acceso á vivenda. Con todas estas actuacións as vivendas recuperan
a súa habitabilidade coa finalidade de volver a ser adxudicadas a través do
procedemento legalmente previsto pola Comisión Provincial de Vivenda do IGVS.
A Xunta está a traballar para a
aprobación, no vindeiro ano, da primeira lei de rehabilitación e rexeneración
urbana de Galicia coa fin de facilitar a recuperación do patrimonio construído na
Comunidade. “Unha lei que promoverá a preservación do noso patrimonio histórico
compatibilizándoo con dar maiores facilidades para a rehabilitación de
edificios tradicionais”, o delegado territorial.
Plan de choque en rehabilitación
Ovidio Rodeiro destacou a
implicación do Goberno galego na recuperación do casco vello de Ferrol e
lembrou que nos presupostos para 2018 están reservados 900.000 euros en
exclusiva para actuacións no barrio de Ferrol Vello. Neste sentido, apuntou que
“a Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de incluír esta zona no plan
Rexurbe, que contempla unha primeira fase na que se van mercar dous inmobles
deteriorados de titularidade privada”. O plan continuará coa busca de
colaboración administrativa para facilitar a recuperación integral dunha mazá
na zona de Argüelles.
Así mesmo, Rodeiro lembrou que o
programa de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), cofinanciado polo
Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de
Galicia reservou para a cidade máis de 1,4 millóns de euros, dos que preto de
417.000 proceden da parte autonómica. As catro áreas para as que se conceden
axudas son os barrios históricos da Magdalena e Ferrol Vello, A Graña, Esteiro
Vello e Recimil.
Por último, o delegado territorial lamentou
que o Concello de Ferrol aínda nos se teña adherido ao Programa de Vivendas
Baleiras da Xunta, malia a que no pasado mes de xaneiro o goberno local chegara
a manifestar a súa predisposición a asinar o convenio. Rodeiro manifestou que
“custa comprender que un grupo político que fixo da loita contra os
desafiuzamentos unha das súas bandeiras electorais néguelles aos seus veciños
máis desfavorecidos a posibilidade de acceder a un fogar”. Segundo os datos
máis recentes, na cidade de Ferrol hai na actualidade máis de 760 persoas
rexistradas como demandantes de vivenda.
Fuente: Xunta de Galicia