O conselleiro de Sanidade, Jesús
Vázquez Almuiña, compareceu no pleno do Parlamento de Galicia para informar das
obras de mellora a realizar no centro de saúde de Mugardos, na área sanitaria
de Ferrol. “Nos escasos seis meses dende que o Sergas asumiu a titularidade
deste centro de saúde están iniciadas ou programadas obras de mellora que o
centro necesita por un importe total de 101,411,29 euros”, destacou Almuiña.
O conselleiro de Sanidade explicou
que xa está adxudicado e que se iniciará en breve a dotación de ascensor para
mellorar a accesibilidade dos pacientes entre plantas, unha actuación que conta
cun orzamento de 41.927,41 euros.
Así mesmo, será adxudicado en
próximas datas a reforma e redistribución de espazos da planta baixa. Esta zona
contará con consulta médica e de enfermería de pediatría, sala de espera de
pediatría, sala de educación maternal e sala de extraccións. Esta obra conta
cun orzamento total de 47.767,96 euros.
Actualmente xa se está a realizar o
cambio de caldeira eléctrica a gas e instalacións complementarias, unha
actuación orzada en 11.715,92 euros.
O Servizo Galego de Saúde está a
asumir ademais os gastos anuais de mantemento, que ascenden a 43.696 euros, dende
que a Xunta asumiu a transferencia do centro de saúde o pasado mes de maio.
Investimentos en centros de saúde en 2018
A atención primaria segue a ser unha
prioridade da Consellería de Sanidade e así se recolle no proxecto de
orzamentos para o 2018, cunha dotación de case 10 millóns de euros para
construción e equipamento en centros de saúde. Tamén se realizarán melloras en
centros de propiedade municipal a través de convenios de colaboración cos
concellos e se renovará equipamento e tecnoloxía en diferentes centros de
saúde.
Así mesmo, durante 2018 poderemos
asumir a titularidade, e polo tanto os custes de mantemento dos centros de
saúde que os concellos estean en condicións de ceder á Xunta a través do
proceso acordado coa Fegamp.
Fuente: Xunta de Galicia