O
certame que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio
do Concello de Fene, ven de premiar o libro Murallas de pedra sen cemento
que duran para sempre, do poeta
Carlos Lixó Gómez. A obra gañadora nesta XXX edición do Premio Nacional de
Poesía Xosemaría Pérez Parallé foi seleccionada entre 61 que se
presentaron a concurso.
Carlos
Lixó Gómez (Carreira, 1991) é graduado de Historia pola USC e doutorando en
Historia Medieval na USC. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do
Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames.
Algún poema seu foi publicado na revista Dorna.
É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos
Galiza. Actualmente encóntranse realizando unha estancia de investigación na
Universidade Nova de Lisboa.
O
Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé naceu como homenaxe ao poeta
fenés, tamén coñecido coma O Segrel do Penedo. Poeta popular e activista
literario, Pérez Parallé foi un dos principais promotores da celebración en
Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades
galegas do exilio.
O xurado desta XXX edición estivo composto por:
Chus
Nogueira: doutora en filoloxía galega e ensaísta, é a Presidenta da Asociación
Galega da Crítica. Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e
colaboradora habitual do "Diario Cultural" da Radio Galega, onde é a
responsable da páxina de libros.
Jesús
Castro Yáñez: poeta da Pastoriza, obtivo o Premio Nacional de Poesía Pérez
Parallé en 2015. Acaba de presentar o seu terceiro libro, ultramarino, publicado por Chan
da Pólvora.
María Lado:
poeta ceense, unha das voces máis emblemáticas da poesía galega actual. Ten
unha obra xa extensa de interesante repercusión no público. Ten grande éxito
como intérprete de poesía oral, sobre todo en espectáculos a dúo coa poeta
coruñesa Lucía Aldao.