As afirmacións da concelleira en
relación co peche das oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo e a
Reconduce, dependente da Consellería de Política Social, en Ferrol, o pasado
mes de decembro son falsas. Neste sentido, os técnicos da Xunta de Galicia
informaron aos representantes municipais do procedemento para que unha familia en
risco de desafiuzamento solicitase o Bono de alugueiro social.
Cómpre lembrar que a Consellería de
Infraestruturas e Vivenda publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado día 10
de xaneiro a nova convocatoria de axudas do Bono, cun orzamento de 2,2 millóns
de euros. No seguinte enlace ao DOG poderase ampliar a información relativa a
esta convocatoria: https://goo.gl/7uScTF
As axudas poderán solicitarse ata o
vindeiro día 20 de novembro e os beneficiarios recibirán ata 200 euros
mensuais, por un período de ata tres anos, para o pago do alugueiro da vivenda.
Ademais hai unha subvención única de 600 euros para gastos derivados dun novo
contrato ou para o pago de atrasos.
Dende a creación do programa
concedéronse 467 Bonos de Alugueiro Social, por un importe de máis de 1,34
millóns de euros. Dese total xa se renovaron por segundo ou terceiro ano 144
bonos.
A Xunta de Galicia tamén lamenta que
o goberno local de Ferrol continúe sen adherirse ao Programa de Vivendas
Baleiras para colaborar de forma efectiva na loita contra os desafiuzamentos.
Oficina aberta
O Goberno galego insiste en que a
delegación territorial da Oficina Reconduce, que depende da Consellería de
Política Social e que está emprazada no Edificio Administrativo da Xunta de
Galicia permanece aberta desde a súa posta en marcha en outubro do ano pasado e
que o servizo non se interrompeu durante as datas de Nadal.
Ademais, o persoal responsable da
devandita oficina atendeu en varias ocasións á familia monoparental en risco de
desafiuzamento, a última o pasado venres día 12. Nesta visita, a muller recibiu
asesoramento para presentar a solicitude do bono de alugueiro social do IGVS, e
mesmo se lle axudou a cubrila. A interesada quedou en dar conta da dita solicitude
aos servizos sociais do Concello de Ferrol para que emitan o correspondente
informe social que debe acompañala. Así mesmo, a Oficina de Reconduce informou
á muller de que a solución do bono leva aparellada a busca dunha vivenda
alternativa.
Fuente: Departamento:
C. de Infraestruturas e Vivenda