Os
propietarios interesados en acollerse a este proceso teñen de prazo ata o 22 de
abril para presentar a súa oferta de venda ante a Xunta, que estableceu uns
prezos que van desde os 230 ata os 287 euros por metro cadrado edificable
A Xunta
prevé que o investimento de máis de 7 millóns de euros no barrio de Ferrol
Vello permitirá rehabilitar uns 20 edificios e obter deles preto de 44 vivendas
públicas. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o
conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e o director xeral do
Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantiveron hoxe unha
xuntanza cos veciños deste barrio, aos que lles informaron sobre o conxunto de
iniciativas coas que o Goberno galego está a impulsar a recuperación de Ferrol
Vello.
A
conselleira de Infraestruturas e Vivenda detallou que a Xunta puxo en marcha o
pasado mes de xaneiro un proceso de adquisición de vivendas para a súa
rehabilitación, o programa Rexurbe, que reserva o 40% do seu orzamento ao
barrio de Ferrol Vello. Engadiu que Ferrol, con 1,2 millóns de euros reservados
para a compra de vivendas para rehabilitar, é a cidade que acapara un maior
volume de investimento no marco deste programa.
Explicou que
os propietarios interesados en acollerse a este proceso teñen de prazo ata o 22
de abril para presentar a súa oferta de venda ante a Xunta, que estableceu uns
prezos que van desde os 230 ata os 287 euros por metro cadrado edificable.
A conselleira
trasladou a estimación de que o orzamento de 1,2 millóns permita a adquisición
de 18 inmobles, que posteriormente serán rehabilitados pola Xunta mediante un
investimento de 5,4 millóns de euros, obténdose 40 vivendas, ademais de locais
comerciais.
Unha vez
presentadas y valoradas todas as ofertas de vivendas, a Xunta prevé formalizar
as escrituras de compravenda a finais de verán para a continuación impulsar a
súa rehabilitación.
Xunto con
isto, os representantes do Goberno galego informaron aos veciños de que a Xunta
está xa a traballar na recuperación de dous inmobles que xa adquiriu en Ferrol
Vello, concretamente na rúa Argüelles 1 e na rúa Virxe, 19, para os que está a
redactaros os proxectos de rehabilitación. Será, en total, un investimento de
medio millón de euros para obter entre 3 e 4 vivendas.
Referíronse
tamén ás axudas que a Xunta e o Ministerio de Fomento financian para o
desenvolvemento das Áreas de Rehabilitación Integral, categoría que en Ferrol
posúen os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena, Esteiro Vello e Recimil,
ademais das vivendas situadas na Área de Rehabilitación dos Camiños de
Santiago.
En total,
puxéronse á disposición dos veciños de Ferrol máis de 5 millóns de euros en
axudas, dos cales 2,4 millóns de euros se corresponden con convenios que aínda
están en vigor e que finalizan neste 2018, e que, no seu conxunto, poden
facilitar preto de 900 obras de rehabilitación.
Nova lei de
rehabilitación
A
conselleira de Infraestruturas e Vivenda puxo en valor a aposta do Goberno
galego pola rehabilitación como unha ferramenta eficaz para recuperar o
patrimonio histórico construído, atendendo ás necesidades sociais de vivenda e
dinamizando a economía.
Informou de
que, co obxectivo de facilitar e fomentar esta actividade, a Xunta está a tramitar
a primeira Lei de rehabilitación de Galicia. Segundo dixo, a norma, que o
Goberno galego prevé aprobar neste mesmo ano, busca mellorar o financiamento
para a rehabilitación, procurar unha maior planificiación e coordinación das
actuacións e eliminar as trabas para levalas a cabo.
Fuente: Xunta
de Galicia