A Consellería do Mar convoca tres
novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de Ferrol e dous
na de Espasante. Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre
outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que
se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e
marisqueira e presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.
Os interesados poderán consultar as
convocatorias na páxina web da Consellería, neste enlace a de Ferrol e neste outro a de Espante. O prazo de
presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, tras a publicación desta
convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web
da Consellería.
As solicitudes e a documentación
acreditativa deberán presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través
do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).
Tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de
Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Unha vez rematado o prazo de solicitude, a
Consellería do Mar procederá á súa valoración. As solicitudes serán estudadas e
baremadas, segundo recolle a Resolución do 12 de novembro de 2013 da Dirección
Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba o baremo para obter o
permiso de explotación para o marisqueo a pé.
Cabe lembrar que todas as prazas se
convocan despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre
tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios
socieconómicos.