A Xunta de Galicia convoca hoxe as
novas axudas para instalación de ascensores e elementos de accesibilidade na
vivenda, duplicando o seu orzamento ata os 2,5 millóns de euros e co obxectivo
de beneficiar arredor de 850 fogares de toda Galicia.
Co gallo da publicación no Diario
Oficial de Galicia destas axudas, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda,
Ethel Vázquez e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, presentaron
esta mañá en Ferrol as novas deste programa de apoio en materia de vivenda e
accesibilidade. Neste acto tamén estivo presente o director xeral do Instituto
Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.
Ethel Vázquez inicio a presentación
das axudas explicando que as mesmas responden ao obxectivo da Xunta de
favorecer a accesibilidade e a mobilidade das persoas, de aí a súa importancia
de dalas a coñecer e animar aos cidadáns a solicitalas, sendo unha medida moi
útil e beneficiosa para vilas e urbes que, coma Ferrol, contan cun número de
edificios e vivendas que non están adaptados ás persoas con mobilidade
reducida.
As grandes liñas destas axudas foron
detalladas por Ethel Vázquez, quen referiu que con carácter xeral as axudas
financian o 60% do custo da actuación. No caso concreto de instalación de novos
ascensores e elevadores as axudas poden chegar aos 4.500 euros para as vivendas
unifamiliares e dúplex, ata os 28.000 euros para os edificios residenciais con
máis de 8 vivendas e aos 35.000 euros no caso de edificios residenciais con 8
vivendas ou menos. Para a colocación de salva escaleiras e doutros dispositivos
de accesibilidade, as subvencións acadan os 2.000 euros, ata os 1.000 para o
caso de salva escaleiras de cadeira e, ata os 2.000 para salva escaleiras de
plataforma..
Vázquez Mourelle dixo que todas as
vivendas poden solicitar esta subvención, sen necesidade de estar dentro dunha
área de rehabilitación e que os solicitantes disporán de máis tempo para a
realización das obras.
Lembrou a consellería que esta liña
específica de axudas foron impulsadas o ano pasado polo seu departamento, cun
investimento de case 1,3 millóns de euros, propiciando a instalación de 59
ascensores, salva escaleiras e outros mecanismos de accesibilidade para dar
servizo a un total de 434 vivendas. Os positivos resultados desa primeira
convocatoria, tal é como explicou Ethel Vázquez, fai que se aposte novamente
por activar estas axudas, que se poden solicitar xa desde mañá e ata o vindeiro
30 de maio.
Na súa intervención, a conselleira
destacou así mesmo como nos últimos anos o Goberno galego vén poñendo en marcha
distintas medidas lexislativas e axudas económicas, destinadas a favorecer a
accesibilidade no eido da vivenda. Medidas, engadiu, que se complementan
noutros campos coas políticas e actuacións que está a impulsar a Consellería de
Política Social.
Pola súa banda, o conselleiro de
Política Social, José Manuel Rey Varela salientou o compromiso da Xunta coa
mellora da accesibilidade e, con ela, co aumento da calidade de vida das
persoas, en especial dos maiores e daquelas que teñen limitada a súa autonomía
persoal. Neste obxectivo enmarcou tanto as axudas para a instalación de
ascensores en inmobles como as que se conceden aos concellos para a reforma de
espazos e edificios públicos.
Ao respecto destas últimas, o
titular da área social do Goberno galego lembrou que coa primeira convocatoria
de achegas subvencionáronse actuacións en 18 municipios das catro provincias
galegas por un montante global de 900.000 euros. E, ademais, engadiu que nestes
momentos está a executarse unha segunda orde cun crédito superior ao millón de
euros da que se benefician máis de vinte concellos.
Por último, Rey Varela insistiu en
que a mellora da accesibilidade e a procura da inclusión plena “é un firme
compromiso de todo o Goberno galego, no que cómpre a implicación do conxunto da
sociedade”. Esta finalidade está recollida no novo incremento dos orzamentos
autonómicos deste ano 2018, nos que a partida económica destinada á atención de
persoas con discapacidade aumenta un 8,6% con respecto ao exercicio pasado, ata
acadar case os 103 millóns de euros.
Encontro informativo
A continuación os conselleiros,
acompañados polo director do IGVS mantiveron un encontro informativo con
profesionais do sector inmobiliario da cidade, para presentar e analizar polo
miúdo a batería de axudas existentes en materia de mellora e rehabilitación de
vivenda. Ademais das axudas orientada á instalación de elevadores, no encontro
informouse das oportunidades que veñen da man do Plan Estatal de Vivenda
2018-2021, os programas da consellería de Infraestruturas e Vivenda de
Revitalización dos barrios históricos e a nova aposta pola rehabilitación que
supón o programa Vivendas do Camiño e o Programa Rexurbe, así como do traballo
que neste intre se está acometendo para sacar adiante unha Lei de Rehabilitación
e Rexeneración Urbana de Galicia.
Fuente: Xunta de Galicia