O
Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para optar ás axudas a comunidades
de propietarios de vivendas de titularidade autonómica e a súa convocatoria
correspondente a 2018
A Consellería de Infraestruturas e
Vivenda destinará un millón de euros a subvencións a comunidades de
propietarios de vivendas de promoción pública para reparación, rehabilitación
e/ou adaptación dos edificios de vivendas promovidas pola Xunta ou transferidas
á comunidade autónoma, segundo recolle a Orde que hoxe publica o Diario Oficial
de Galicia, e que contén as bases reguladoras destas axudas e a convocatoria
das mesmas para 2018.
Poderán beneficiarse das subvencións
as comunidades de propietarios dos edificios de vivendas protexidas promovidos
polo departamento que dirixe Ethel Vázquez e dos transferidos á Comunidade
Autónoma de Galicia, sempre que non recibisen outra axuda do Instituto Galego
da Vivenda e Solo para realizar obras do mesmo concepto nos dez anos
inmediatamente anteriores ao da convocatoria.
Os edificios que opten ás axudas
deberán cumprir unha serie de requisitos, que van desde que o edificio reúna as
necesarias condicións de seguridade estrutural ou que non teñan iniciadas as
obras das actuacións para as que van solicitar axuda no momento de presentar a
solicitude.
Actuacións subvencionables
Serán consideradas actuacións
subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou
adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta orde que
comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos: adecuación das condicións
de seguridade, nellora de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade.
Todos os requisitos poden consultarse no DOG de hoxe: https://goo.gl/nnnSF7
Subvención e prazo de solicitudes
O orzamento subvencionable virá
definido polo custo total das obras, que estará integrado polo prezo de
execución destas, os honorarios facultativos, as licenzas e tributos
satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións. A contía da subvención
será de ata o 60% do orzamento e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.
As solicitudes poderán presentarse
durante o prazo de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación da
Orde no Diario Oficial de Galicia, polo que dito prazo rematará o 20 de maio de
2018.
Fuente: Xunta de Galicia