Esta iniciativa contou cunha achega
da Consellería de Economía, Emprego e Industria de algo máis de 140.000 euros
Un total de 15 alumnos e
alumnas menores de 30 anos formáronse nos últimos seis meses en Fene como
técnicos de fabricación e montaxe de tubaxe industrial, grazas a un obradoiro
de emprego de Garantía Xuvenil que percibiu unha achega da Consellería de
Economía, Emprego e Industria de algo máis de 140.000 euros. Ademais de Fene,
tamén colaboraron neste iniciativa os municipios de Ares, Neda, Mugardos e
Cabanas.
Os participantes recibiron hoxe
os certificados de profesionalidade, con validez en todo o Estado, de mans do
delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro e dos
alcaldes destes concellos.
Este obradoiro, como todos os
das súas características, centrouse na realización de obras ou prestación de
servizos de interese xeral e social que, xunto coa formación profesional para o
emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior
inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os
beneficiarios recibiron formación específica que lles permitirá iniciar os seus
propios proxectos.
En concreto, os alumnos-traballadores
executaron no municipio de Fene a elaboración e instalación de varandas no
acceso a San Valentín pola rúa Machuco. Ademais, en Ares tamén elaboraron,
instalaron e repararon pasamáns e varandas en diversos lugares do municipio.
A provincia da Coruña conta no
curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter
xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía
Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas
invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na
provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.
Os obradoiros xerais, cada un
con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira
compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos,
Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con
Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón
compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos
compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e
Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre
compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido
con O Pino; e Ordes compartido con Frades.
Pola súa banda, os obradoiros
do Sistema de Garantía Xuvenil realizáronse en Ames compartido con Brión;
Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros
compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.
O delegado territorial da Xunta
na Coruña, Ovidio Rodeiro, que foi o encargado de poñer punto e final a este
obradoiro, destacou que “a formación nestes obradoiros debe ser un aval para
que os nosos mozos e mozas poidan acceder ao mercado de traballo con garantías,
mais tamén son clave para conseguir os empregados de calidade que precisa o
tecido empresarial de cada comarca”. Ademais, remarcoulle ao alumnado que “a
participación neste tipo de iniciativas axúdavos a adquirir confianza e unha
posición activa e comprometida, xa que a motivación e a actitude son valores
determinantes na busca de emprego”.
Fuente: Xunta de Galicia