O alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro Xoán
Manuel Rodríguez Bastida informaron esta mañá dos fallos de dúas sentenzas
xudiciais dictadas polo Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol
desestimando sendos recursos interpostos por Viaqua reclamando a actualización
do canon da auga nos exercicios 2015 e 2016 –co anterior goberno do Bloque- e
polos que solicitaba o abono de 621.000 euros. Uns fondos que supoñen, tal e
como sinalou Bastida, practicamente o 5% do orzamento do Concello de Fene e
que, segundo explicaron ambos, os veciños e veciñas se aforran grazas á batalla
legal iniciada polo actual goberno, fronte a intención de abonar as cuantías
por parte do anterior executivo.
Para dar conta das resolucións, abordaron o contexto
no que se produciron e sinalaron que unha vez privatizado o servizo de
abastecemento e saneamento de auga polo goberno do Bloque no ano 1993, ese
contrato vencía en 2008, pero xa en 2002, modifican o contrato para ampliar a
duración ata 2018, sen publicidade nin concurrencia de máis empresas, e cunha
contrapartida menor (unha obra na estrada do peirao de Maniños).
No contrato inicial de 1993 establecíase unha fórmula
de actualización do canon, cunhas cláusulas tasadas de como e cando se tiña que
levar a cabo para manter o equilibrio da concesión. E, en 2008, a empresa
solicita unha actualización do canon correspondente aos anos 2008, 2009 e 2010,
acreditando o desequilibrio e, o xulgado do contencioso-administrativo de
Ferrol (con sentenza de 2011) confirma a actualización, sen fixar cantidade.
Sinalaron que a día de hoxe está pendente de cuantificar ao existir
discrepancias entre Concello e empresa.
A partir de aí, Viaqua comezou a demandar por sistema
ao Concello de Fene. En novembro de 2018, vence o contrato e o goberno actual
decide rescindilo e obligarlle á empresa a manter o servizo ata que se tome
unha decisión sobre a xestión que, como sinalou Galego, dadas as datas actuais,
considera non corresponde a este goberno tomar unha decisión sobre un contrato
de tal calado. Iso si, indicou que na xunta de portavoces celebrada sobre este
tema, se apostaba pola remunicipalización, tamén o Bloque (cando foi quen
privatizou o servizo, apuntou Galego). O alcalde engadía que o día no que se
notificou a rescisión do contrato a Viaqua, con presenza de todos os grupos
municipais, deuse conta das reclamacións do canon correspondentes ao ano 2015 e
2016 (co anterior goberno nacionalista) e o voceiro do Bloque era partidario de
chegar a un acordo con Viaqua para abonarlle todas as reclamacións pendentes
con fondos do remanente de tesourería (a de 2015 ascendía a 319.392 euros e a
de 2016 a 302.090,72 euros, sumando os 621.000 euros). Unhas cantidades que
Galego e Bastida consideraban desorbitadas pola actualización do canon.
Apuntan tamén que os recursos interpostos ante a
xustiza procedían dunha reclamación administrativa previa á que non atendeu nin
respondeu o Concello, co goberno nacionalista. Unha situación que levaría ao
Concello ao pago de 621.000 euros, engaden.
Porén apuntaron que o goberno actual decide facerlle
frente a esta situación xudicial, xa que nin se designara abogado nin
procurador cando para outros asuntos como a vulneración dos dereitos
fundamentais de nove concelleiros si que se buscara asesoramento legal para o
Concello.
Cos argumentos que xa deberían terse dado á empresa na
vía administrativa e non no contencioso, o Concello agora gaña os dous
procedementos. As setenzas son moi claras. Establecen a desestimación do
recurso interposto fronte a desestimación por silencio administrativo da
solicitude de actualización do canon. Conclúen Galego e Bastida sinalando que
esas reclamacións previas serían tan fáciles de desestimar dicindo que para a
actualización do canon débense dar as circunstancias que marca o contrato e
acreditarse, cuestión que non fixo a empresa, e que non pode darse por sistema
(coa presentación dun simple escrito de solicitude). E é que o contrato non
establece unha cláusula de revisión automática, senón se se dan unhas
circunstancias concretas.