Nunha
concorrida Asemblea local convocada na tarde de onte (12/12/2020) debateuse a situación
municipal logo das dúas mocións de reprobación e as peticións de dimisión do Alcalde
de Fene Gumersindo Galego presentadas polo BNG e IU por unha banda e o PSdeG
por outra.
Ante
a falta de dignidade e a ausencia de iniciativa do alcalde fenés, que se
resiste abandonar a alcaldía voluntariamente, a pesar de non ter nin maioría no
Pleno nin apoio do que foi o seu partido, o PP. Fene entra nunha crise sen
precedentes nos últimos 40 anos. Falta de goberno, falta de liderado da
alcaldía, falta de traballo e de proxecto. Un concello sumido no caos cun grupo
de goberno dando bandazos, políticas erráticas en materia de persoal, sen
proxecto definido nas obras e cunha privatización irregular dos servizos
municipais. E a gota que enche o vaso é o delito penal contra a seguridade
viaria polo que foi condenado o alcalde Gumersindo Galego hai un mes.
Cinismo,
foi a definición da Asemblea do BNG da actitude do edil popular, dándose de
baixa do PP pero manténdose no cargo e no Grupo Municipal do Partido Popular,
unha xogada para lavarse as mans o PP da súa responsabilidade.
A
responsábel local do BNG, Digna Faraldo, xa se puxo en contacto co seu homólogo
socialista José Carlos Romero e coa portavoz de EU, MªCarmen Martínez,
trasladándolles o acordo da Asemblea de iniciar conversas co obxectivo de
recuperar a normalidade institucional no Concello de Fene.
O
BNG como forza maioritaria da oposición con
6 edís, igual que o grupo municipal do PP, ten a obriga e a
responsabilidade de sumar apoios que logren o obxectivo de ter un novo goberno
en Fene, plural e inclusivo que deixe atrás estes anos escuros de mala praxe
política, de corrupción e de xudicialización da vida municipal.