Pin It

Widgets

Elecciones Municipales Ayuntamiento de Fene



Candidatos por Fene de Esquerda Unida, BNG, PP e PSOE Cedidas e César Toimil

Preséntanse BNG, PP, PSOE e Esquerda Unida; nun concello marcado nos últimos anos polas coalicións, as rupturas e as mocións de censura

Fene, territorio con risco de seísmo político. Como manda a tradición, o 28M vivirase como unha xornada de infarto neste concello. Porque este territorio funciona nos últimos anos como un labirinto politico, con coalicións, rupturas e mocións de censura. Despois das eleccións municipais de 2019, a corporación quedou do seguinte modo: BNG con seis concelleiros, PP con outros seis, PSOE con catro e EU cunha concelleira. O PP gobernou ao principio, e despois o BNG con Esquerda Unida tras unha moción de censura.

A finais de 2022, Fene tiña 12.702 habitantes.


Juventino Trigo, candidato do BNG en Fene CESAR TOIMIL

Juventino Trigo (BNG): «Nesta ocasión será máis fácil o acordo das esquerdas»

Incide en que con «xente nova nos partidos teremos máis posibilidades de negociar» e defende os logros en urbanismo

O BNG goberna actualmente Fene con seis edís, nunha corporación de dezasete, xunto coa concelleira de Esquerda Unida. O candidato nacionalista é Juventino Trigo (Fene, 1962).

—Fene é un concello politicamente complicado?

—A campaña do BNG é moi positiva. Pero en Fene sempre se presenta un partido pola dereita, e polas esquerdas van tres e houbo anos de cinco. E iso fragmenta moito os votos. Pero o 60% de Fene segue votando á esquerda e o resto á dereita.

—Preocúpalle máis a negociación que os resultados?

—Queremos gañar para gobernar sós, pero moitas veces son máis complicadas as negociacións. Nesta ocasión será máis fácil o acordo de esquerdas, hai xente nova nos partidos e teremos máis posibilidades de negociar.

—Logros deste mandato?

—Durante case un ano gobernou o PP, cunha moción de censura chegamos en febreiro de 2020 e en marzo estaba a pandemia. Pero puidemos derrubar as naves de Fondomar na fachada marítima de Barallobre, logramos o punto limpo e máis aparcadoiros tanto no centro como nas praias, o paso a nivel de Perlío, a xestión con Sepes para o centro de saúde, volvemos a ser referentes en cultura e deportes, modificamos o plan de Urbanismo para facilitar a construción de vivendas e isto non se facía desde hai 15 anos.

—Por que cre que nun concello tradicionalmente de esquerdas como este subiu tanto o PP na última década?

—Hai oito anos presentáronse cinco candidaturas dentro das esquerdas: desde unha agrupación como Podemos, ata Somos Fene, PSOE, BNG, Esquerda Unida... Iso fragmenta á esquerda. Pero insisto en que o 60% do electorado de Fene vota ás esquerdas.


Gumersido Galego, candidato do PP en Fene JOSE PARDO

Gumersindo Galego (PP): «Sei que as outras tres forzas volverán a xuntarse»

Aposta por un maior diálogo cos veciños 

Gumersindo Galego (Fene, 1962) empezou este mandato como alcalde pero foi tumbado meses despois en moción de censura. Preséntase polo PP.

—É Fene un terremoto político?

—No anterior mandato, ao principio o BNG non quixo sumarse co PSOE pero despois tres concelleiros socialistas acordaron facer a moción de censura sen o beneplácito da súa asemblea. O BNG sempre fai o mesmo: faise coa alcaldía sen gañar as eleccións, suma ao PSOE e despois o despide.

—Nunca se sabe que pasará ata o día da investidura?

—Pois eu sei que as outras tres forzas volverán a xuntarse no caso de que teñan todas representación e de que sumen concelleiros, non me cabe dúbida. É a historia que se repite, levamos catro mandatos así. Por iso a nosa aspiración é sacar nove concelleiros.

—Esa incertidume afecta ao concello?

—Os veciños comproban cada día que hai cero inversión, cero mantemento, nin un quilómetro de aglomerado. O goberno local debería buscar investimentos, pero o abastecemento de auga está abandonado e cunha xestión sen contrato (ao igual que noutros servizos). Cando o BNG fixo a moción de censura dixo que se regularizarían contratos, pero ao final deixou caducar os que xa había.

—Este mandato foi iniciado por vostede como alcalde.

—En xuño de 2019 e en febreiro de 2020 sufrín a moción de censura. Este goberno só fai cousas onde non hai casas, por non falar cos veciños. Como exemplo, temos o abandono do proxecto do centro de saúde da localidade.


Joaquín Ayala, candidato do PSOE en Fene CESAR TOIMIL

Joaquín Ayala (PSOE): «O BNG foi desleal ata catro veces cos socialistas»

Aposta pola infancia e a mocidade

Joaquín Ayala (Cartagena, 1959) vive en Galicia desde que tiña once anos e preséntase polo PSOE en Fene.

—Por que a esquerda tarda tanto en chegar a acordos en Fene?

—Hai un problema fundamental de falta de lealdade. O PSOE apoiou no seu momento a unión da esquerda pero o bipartito de Iván Puentes rompeuse pola marcha do BNG. No 2011, o BNG tampouco apoiou a Puentes e votouse a si mesmo facilitando o goberno popular. No mandato de 2015, tamén nos botaron do goberno. Neste mandato, tamén nos quitaron as competencias. O BNG foi desleal ata catro veces cos socialistas.

—Pero despois do 28M apoiarían un goberno de esquerdas?

—Someteremos a decisión á asemblea. Houbo catro deslealdades. Nas últimas asembleas socialistas había descontento co BNG, é unha lousa considerable.

—A ver que pasa na investidura, entón.

—Hai que estar na investidura, a asemblea é soberana.

—Que aportaría o seu PSOE ao goberno de Fene?

—Estamos verdadeiramente comprometidos cos veciños. Por enriba de todo está a infancia para a que necesitamos comedores en todos os centros educativos, despois os mozos para os que queremos un centro cívico. Non queremos políticos pechados nos despachos. E queremos dar máis apoio aos maiores nos trámites municipais.

—Nos estaleiros, bota de menos que se constrúan barcos?

—Os antigos obreiros botan de menos os barcos, pero son tempos de eólica mariña e hai que ir por esa demanda.


María del Carmen Martínez, candidata de Esquerda Unida en Fene

María del Carmen Martínez (EU): «Queremos un goberno ben avenido desde o primeiro día»

Recalca que a súa formación defende a igualdade

María del Carmen Martínez (Fene, 1964) preséntase por Esquerda Unida, e actualmente cogoberna en Fene xunto co BNG.

—Que pasa coa esquerda de Fene?

—Nas esquerdas temos a mochila cargada de mal ambiente e mal rollo, pero espero que se baleire nesta ocasión. Nós queremos un goberno ben avenido desde o primeiro día, coas diferencias lóxicas pero sen rencores.

—Por parte de Esquerda Unida non haberá problemas para pactar, entón?

—Nós xa quedamos fóra do goberno hai oito anos pola chantaxe de Somos Fene, que avisaba con votar ao PP se entrábamos nós. Pero se temos que estar fóra non haberá problemas con tal de formar un goberno de esquerdas.

—Que destaca da súa área?

—Cando chegamos nos comimos a pandemia. Pero reforzamos o programa de alimentos, fixemos obradoiros de familias e defensa persoal contra a violencia de xénero. Acabamos un programa de iniciación á mecánica básica de automóbil para mulleres. Loitamos pola igualdade nos colexios.

 


Fuente: La Voz de Galicia


 

 

Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.