Pin It

Widgets

Adrián Dopico, Lucas Sixto e Iván Mata, os gañadores dos premios Curuxa do Humor de Fene

 

Os traballos presentados serán expostos no último trimestre do ano

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada onte no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Adrián Dopico López o premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos); a Lucas Sixto Carballeira o premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos); e a Iván Mata Tamayo o premio da categoría Caricatura (para maiores de 16 anos).

O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos; e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo, El primo Ramón (gañador do premio Curuxa 2023), Lucía Rodríguez Cid (gañadora do premio Curuxa Nova 2023) e Iván Mouronte Barreiro (gañador do premio Curuxa Caricatura 2023).

O gañador do premio Curuxa 2024, Adrián Dopico López, presentou ao certame un debuxo titulado Mal de moitos. O xurado valorou desta obra «a súa eficacia visual, a capacidade de síntese e a escolla da morte e a envexa como ideas estructuradoras da viñeta». O premio está dotado con 2.500 euros e diploma.

Mencións de honra

O xurado acordou outorgar mencións de honra na categoría Curuxa, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Eduardo Pérez Baamonde, co título Terraza; por Manuel Arriaga de León, co título Quen foi?; e por Ricardo Olivera Almozara (Fritz), co título Centauro del siglo XXI.

O premio Curuxa Nova —dotado con 1.500 euros e diploma— foi nesta edición para Lucas Sixto Carballeira por un debuxo presentado co título Dieta do futuro. Na súa análise, o xurado salienta «que é un tema de actualidade moi ben resolto conceptualmente».

Por último, recibe o premio na categoría Caricatura —dotado con 1.500 euros e diploma— o traballo presentado co título Yolanda Díaz, de Iván Mata Tamayo. O xurado valorou «a escolla da personaxe e que sexa perfectamente recoñecible». Tamén salientou que é «unha caricatura moi elegante e que funciona moi ben compositivamente e no emprego da liña e da cor».

Asemade, o xurado acordou outorgar unha mención de honra na categoría Caricatura, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Roberto Marcelo Bianchi, co título Beware. Bela Lugosi.

Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado), ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor Xaquín Marín, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo.

Exposición

O alcalde fenés e presidente do xurado, Juventino Trigo, avanzou que no último trimestre do ano o Museo do Humor Xaquín Marín acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria.

Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.