A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras Casais achégase a Fene para participar no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A actual directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga, falará este xoves, 13 de febreiro, na Casa da Cultura de Fene sobre as “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
Rosa Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa na USC, amais de directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos e, máis recentemente, sobre datos con información parcial.
É co-autora de catro paquetes de software para R, DTDA para a análise de datos dobremente truncados, e ten colaborado en proxectos relacionados con outros ámbitos como a Ecoloxía, a Enxeñería Química, a Lingüística ou a Economía e as Ciencias da Computación.
Rosa Crujeiras ten formado parte de comités científicos de congresos internacionales, e presentou as súas contribucións en congresos internacionais (recentemente vén de participar nun evento on-line mundial organizado para visibilizar o papel das mulleres na ciencia).
É editora asociada do Journal of Nonparametric Statistics, desde maio de 2019, e tamén foi editora de números especiaís en Environmetrics e Spatial Statistics.
Profesora en grado, máster e doutorado (nestes dous últimos niveis tamén en universidades extranxeiras), tanto en materias básicas como avanzadas. Actualmente é profesora da materia Modelos de Regresión e Análise Multivariante do Grao en Matemáticas. E no Máster en Técnicas Estatísticas imparte Regresión Xeralizada e Modelos Mixtos, así como Regresión non Paramétrica e Semiparámetrica. Tamén ten impartido cursos de formación dirixidos ao persoal docente e investigador e ao profesorado de ensinanza media, desenvolvendo material específico para iso.
Foi coordinadora do programa de doutorado interuniversitario en Estadística e Investigación Operativa, membro da Comisión Académica do programa de doutorado en Estatística de Sapienza (Italia), desde xaneiro de 2021, e dirixiu teses doutorais nacionais e internacionais.
Por último, salientar que foi membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española, desde novembro de 2019 até xaneiro de 2022.
CONTANDO CIENCIA
O ciclo Contando Ciencia naceu co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
Trala conferencia deste xoves, as próximas citas serán:
· 6 de marzo, Estíbaliz Espinosa Río, estudosa de Astrofísica e Arqueoastronomía. Tema: “Multiverso de telescopias”
Estíbaliz Espinosa defínese como “autora, exploradora en ciencia e literatura, músico, astrónoma amadora, editora e tradutora”. Lémbrase escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. Lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical. De ciencias e de letras, licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Ademais, escribe e canta desde que pode recordar. Cantou en coros e como solista (soprano e mezzo). Estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.
· 3 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario
Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028). As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)