Pin It

Widgets

O ciclo “Xullo, mes da patria” trae este verán a Fene aos grupos Ulex e De ninghures

 

Cunha festa infantil a cargo de La Guagua botará a andar o venres 4 de xullo, ás 17.30 horas, o ciclo “Xullo, mes da Patria”, organizado pola Concellería de Cultura de Fene. Nesta primeira cita, dirixida aos máis pequenos da casa, haberá inchables, xogos de auga e animación na Praza do alcalde Ramón José Souto González, escenario de boa parte das actividades. Ese mesmo día pola mañá, a partir das 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura de Fene as invitacións para asistir ao espectáculo que ofrecerá o monologuista Federico Pérez o mércores 9. Entregaranse dúas entradas por persoa adulta até completar o aforo.

Trala festa infantil coa que se inaugura o programa, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continuará o martes 8, ás 21 horas, na praza do CPS de San Valentín, co espectáculo familiar Historias para escagharriñarse, de Teatro Ghazafelhos. Función programada coa colaboración do CPS de San Valentín e Agadic.

A xornada do mércores 9 estará adicada ao humor co monologuista e actor Federico Pérez. O espectáculo, titulado Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), comezará ás 21.30 horas na praza do alcalde Ramón J. Souto González con entrada gratuíta (previa recollida de invitacións -2 por persoa adulta- o venres 4 de xullo, ás 10.00 horas, na Casa da Cultura). Función programada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación, ao igual que os concertos do día seguinte.

O xoves 10 de xullo, ás 20 horas, terá lugar no Parque Liñal do Río Cádavo (a carón do monumento 25 de xullo) a lectura da declaración institucional polo Día da Patria, redactada este ano pola fenesa Gisela Sanmartín, directora do grupo de cantareiras Xirifeiras (Airiños de Fene) e presidenta da Asociación de Tocadoras Galegas Somos Pandeireteiras.

A continuación, o mesmo día a partir das 21 horas, celebraranse na Praza do alcalde Ramón J. Souto González os concertos de Ulex, “Lonxe de ti”, e De Ninghures, “Feira”.

E xa para pechar o programa, o venres 11 de xullo ás 20.30 horas as protagonistas serán as corais e rondallas do concello: a Rondalla Estrelecer (CMI), o Tradicoro (Airiños de Fene), a Coral Polifónica O Pote de Maniños e a Coral Agarimo de Sillobre, que actuarán no tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral que se celebra todos os anos na Praza do alcalde Ramón J. Souto Gonzalez.

Tags: , ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.