
O Concello de
Fene vén de anunciar a celebración dunha nova edición da Xuntanza de
Palilleiras, que terá lugar o sábado 25 de abril no Pavillón A Xunqueira, un evento xa consolidado no
calendario local e comarcal.
A xornada
desenvolverase en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e
como en edicións anteriores converterase nun espazo de encontro, intercambio e
convivencia arredor das técnicas téxtiles tradicionais e contemporáneas. Ao
longo do día daranse cita persoas afeccionadas ao encaixe de palillos, bordado,
calceta, patchwork e a outros moitos traballos artesanais, nun ambiente
participativo e aberto.
O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 10 de abril, e
as persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa
participación chamando ao 981 492 767.
A concelleira de
promoción económica e turismo, Ángeles Coira, destacou que “esta xuntanza é moito máis ca unha actividade puntual: é un
espazo para poñer en valor os saberes tradicionais, fomentar o encontro
interxeracional e visibilizar o traballo artesanal, que forma parte da nosa
identidade cultural”. Coira subliñou tamén que “Fene aposta por este tipo de
iniciativas porque dinamizan o concello, atraen visitantes e contribúen a
manter vivas técnicas que se transmiten de xeración en xeración”.
Desde o Concello
animan ás persoas afeccionadas ás artes téxtiles a participar nesta nova
edición dunha xuntanza que cada ano reúne a público chegado de diferentes
puntos da comarca e de toda Galiza, consolidándose como unha cita de referencia
no ámbito do traballo artesanal.