Pin It

Widgets

O VINDEIRO LUNS ABRE O PRAZO PARA APUNTARSE AO “VERÁN MÁIS ALÁ! 2014”


O luns e o martes poderán inscribirse os nenos/as empadroados en Fene e, a partir do mércores, os doutros concellos
 

Baixo o lema “Explora Fene!” volve un ano máis o programa de conciliación da vida laboral familiar “Verán máis alá”, dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2002 e 2010 (idades de referencia, de 3 a 12 anos). O  “Verán máis alá” de Fene é un espazo lúdico-educativo non regrado no que se practica e fomenta o galego como lingua de uso, amais de promovérense os valores da igualdade, a participación e o traballo en grupo.
O Verán Máis Alá 2014 desenvolverase do 1 ao 31 de xullo nas instalacións do CEIP Centieiras de Perlío. Tendo en conta que un dos obxectivos deste programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un ano máis estruturarase en dous bloques horarios:
        Bo día! Dende as 8:00 ata as 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse a calquera hora entre as 8:00 e as 10:00).
        Máis alá! que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 (os nenos e as nenas deberán incorporarse ás 10.00 h e saír entre as 14:00 e as 14:30 horas).
Segundo adianta a Concellería de Cultura, “Explora Fene!” promete “descubrir, amosar, buscar, rastrexar e investigar cousas, lugares, sons, personaxes, músicas, artes, profesións, costumes, lendas, a historia, o imaxinario, as festas,  a actualidade.... até agora descoñecidos ou pouco coñecidos, en todo caso moi, moi próximos e darlles unha volta creativa e divertida, transformándoos en actividades do campus”.
Nesta nova edición do Verán Máis Alá de Fene, os pequenos/as que se inscriban realizarán distintas actividades: artísticas (empregando diferentes materiais que maximicen o seu potencial creativo); formativas coma os contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida, etc. (para apoiar o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven); xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais (para favorecer a socialización, a cooperación a tolerancia e o xogo limpo); actividades acuáticas na Piscina Municipal; excursións polo Concello de Fene e outros puntos da comarca; danza, música, teatro (traballando con distintas coreografías, bailes e ritmos a expresión corporal e a elasticidade)…
As persoas interesadas en anotar aos seus pequenos/as neste programa deberán entregar a ficha de datos (www.fenecidadan.net)  no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán) o vindeiro luns, 16 de xuño, ou o martes, 17 de xuño, (os veciños/as de Fene) e o mércores 18 ou xoves 19 de xuño (os veciños/as doutros Concellos). As 120 prazas previstas este ano cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O luns 23 de xuño publicarase a listaxe dos/as participantes no XII Verán Máis Alá! Publicada a listaxe, as familias dos nenos/as inscritos realizarán o ingreso bancario (que deberán entregar no Departamento de Cultura e Deportes antes das 14:00 h do mércores 25 de xuño, coa Fotocopia da tarxeta sanitaria e o xustificante médico, no suposto que o neno/a precise dun tratamento específico).
 O custe da actividade ascende a 68,15 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e a 36,70 € a partir do segundo membro da unidade familiar. Para as familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo poderán acceder gratuitamente nos termos sinalados no artigo 4. da Ordenanza fiscal núm. 2 .
MÁIS INFORMACIÓN
No Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita, 15500 Fene) Teléf.: 981 340 366. Correo electrónico: cultura.deportes@fene.es
Tags: ,

J.Aguilar

Bienvenido a Fene.com1. Descubre el blog con noticias de Fene, Ferrol y comarca, eventos, a través de los artículos de nuestro Blog otras informaciones gran cantidad de imágenes antiguas de Fene, Ferrol y comarca, así como relacionadas con la construcción naval.