![]() |
| Eduard Velasco (Foto: Prensa Fene) |
O xurado da
XXVII edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, escolleu como gañadora deste
ano a obra "Ruído de trens", presentada baixo o pseudónimo de Paca
Montaraz. Aberta a plica, o nome do autor resultou ser Eduard Velasco.
O xurado
deixou constancia na acta de que a discusión final do premio incluíu intenso
debate sobre varias obras entre as que destacan, ademais da gañadora, as
presentadas baixo os lemas “Xarda” e “Malãkh”.
Eduard
Velasco naceu en Barcelona en 1982 e reside en Compostela desde 2006. É
licenciado en Filoloxía Catalana e Filoloxía Galega pola Universitat de
Barcelona. Adícase á divulgación cultural entre as culturas galega e catalana e
colaborou en varios medios galegos como A Peneira, Sermos Galiza ou Vieiros e
fixo radio en galego en Cataluña en varias emisoras, dentro dos programas de
Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya. Foi profesor tanto de galego como de
catalán e fixo diversas traducións entre o galego e o catalán como "Pa
negre" de Emili Teixidor ou "O porco de pé", de Vicente Risco.
Recentemente obtivo o premio de poesía Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello
de Mondoñedo.
O xurado
desta edición do premio estivo composto por Gonzalo Hermo, Mariña Pérez Rei e
Carlos Quiroga.
A entrega do
premio producirase o sábado 15 de novembro nun acto que terá lugar ás 20 horas
na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O Premio
Nacional de Poesía, que convoca anualmente esta entidade, estableceuse en
homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tras o seu pasamento ocorrido en
1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame,
que premia un libro de poesía de autor ou autora inédito. O libro gañador
publícase na prestixiosa colección de poesía Espiral Maior, a máis extensa
colección de poesía da historia da literatura galega. Ademais, desde hai uns
anos, o premio incorpora para o gañador ou gañadora unha escultura de cerámica
do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé e mais unha
pequena dotación económica que este ano se incrementa a 1000 €.
O premio
revelouse, nestes últimos dez anos, como unha ferramenta moi efectiva para dar
a coñecer novas voces da poesía galega que, tras obter o premio, comezan unha
carreira literaria exitosa. Nomes como os de Mario Regueira, Susana Sánchez
Aríns, Xiana Arias Rego, Ramón Neto ou Lorena Souto fan parte xa dun presente
prometedor da literatura galega.
