![]() |
La edil de cultura, Rocío A. Bértoa Puente y el alcalde,
Gumersindo
Galego, en
la presentación este mediodía del programa del XXX
aniversario del Museo del Humor
|
Manuel Manquiña abre este venres en Fene o ciclo de monólogos “As risas son boas”
“¿Qué hacer con la gente molesta?”. É o título do espectáculo que
presentará este venres na Casa da Cultura de Fene o popular actor Manuel
Manquiña, no arranque da programación do XXX aniversario do Museo do Humor de
Fene. A función encádrase no ciclo de monólogos “As risas son boas” que se
desenvolverá ao longo do mes de novembro e no que tamén tomarán parte outros
grandes monologuistas como Evaristo Calvo, Pepo Suevos, Isabel Risco ou a
Compañía Viriscrón. Todas as función serán ás oito do serán e con entrada
gratuita (previa recollida de invitacións o mesmo día do espectáculo, a partir
das 16 horas, na Casa da Cultura de Fene). Aforo limitado a 120 localidades.
Amais do ciclo de monólogos que arrinca este venres, dende a concellería de
Cultura adiántase que na xornada central do 30º aniversario do Museo do Humor,
prevista para o luns 24 de novembro, haberá un obradoiro de caricatura a cargo
do debuxante David Pintor (Pinto&Chinto). Tamén se inaugurará ese día na
sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene unha mostra de caricaturas
titulada “Pola cara” e presentarase a carpeta conmemorativa do XXX aniversario
do Museo, con ilustracións de debuxantes e humoristas gráficos galegos de
primeiro nivel.
CICLO DE MONÓLOGOS
“Qué
facemos coa xente molesta que come no cine e non nos deixa desfrutar da película?;
por qué os guionistas de cine poñen trapelas nos teitos dos ascensores; por qué
apagamos as luces dos grandes monumentos unha vez ao ano e dicimos que é o día
do planeta?”. A estas e outras cuestións responde Manuel Manquiña no seu último
espectáculo, “Qué hacer con la gente molesta?”. Nel, o popular actor fai unha
crítica e unha crónica do social, falando dende o punto de vista dunha persoa
adulta das molestias que xeneran algúns comportamentos cidadáns “que poden
estar reflexados nas conductas dos tertuliáns, no maniqueísmo dos partidos
políticos, en cómo se repiten determinados tics ou en cómo seguimos caendo
periódicamente nos mesmos erros”.
Manuel
Manquiña actuará este venres, 7 de novembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de
Fene, na que será a primeira función do ciclo “As risas son boas” que organiza a
Concellería de Cultura para conmemorar o XXX aniversario do Museo do Humor. As
persoas que queiran asistir ao espectáculo poderán recoller as invitacións
(dúas por persoa) o mesmo venres a partir das catro do serán na Casa da Cultura
de Fene.
Trala
actuación de Manquiña en Fene, o vindeiro venres, 14 de novembro, tomará o
relevo o tamén actor Evaristo Calvo cun espectáculo titulado “O turista
madrileño”. Trátase
dunha creación de Zopilotes, trío composto polos guionistas
Andrés Mahía, Carlos Ares "Parrocho" y Xosé Castro
"Pato", artífices de AIR GALICIA, programa de humor emitido durante
varias tempadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio
Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego en 2008.
Os monólogos
continuarán en Fene o venres 21 de novembro co ferrolán Pepo Suevos e o seu
espectáculo “Humor salvaxe”. Pepo Suevos é na actualidade un dos humoristas
máis cotizados e con maior experiencia de Galicia (coñecido pola súa
participación en filmes e series como Luar, Land Rober, Piratas,
Terra de Miranda ou Heroína).
Na xornada do luns 24
de novembro, coincidindo cos actos centrais do aniversario, actuará na Casa da
Cultura de Fene a actriz Isabel Risco, interpretando a “Chelo Garcia Naveira,
máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación
de orixe protexida e con super-poderes que proveñen do sulfato”.
O ciclo “As risas son
boas” concluirá o venres 28 de novembro coa Compañía Viriscrón (dúo formado
polo actor-creador Ricardo de Barreiro e polo músico-compositor Guillerme
Fernández). O espectáculo que presentarán ese día, “Sobre o desamor e outras mariconadas”, parte do poemario
homónimo de Barreiro, integrándose nel os versos con música e a acción
escénica.
24 DE
NOVEMBRO
Xa está aberto o prazo
para apuntarse ao obradoiro "Seguro que sabes o que é unha caricatura?" que impartirá no Museo do Humor de Fene o debuxante David
Pintor (Pinto&Chinto). A actividade, dirixida a persoas adultas e/ou
nenos/as maiores de 10 anos, desenvolverase
o luns 24 de novembro, de 16.30 a 18.00 horas, no marco dos actos de
conmemoración do XXX aniversario do Museo do Humor de Fene. Para
participar nesta actividade (gratuita) cómpre apuntarse no teléfono 981 342 400 (do Museo do Humor), de luns a venres, de
8.00 a 14.30 horas.
"Seguro que sabes o que é unha caricatura"
plantéxase coma un obradoiro teórico-práctico no que o debuxante David Pintor
falará sobre o seu traballo como caricaturista político no xornal La Voz de
Galicia e no que amosará unha selección das súas obras. Ao remate, realizará
tamén algunha caricatura (ao vivo).
David Pintor (A Coruña, 1975) é un dos humoristas
gráficos, ilustradores e pintores galegos máis internacionais. Dende o ano 1993
forma parella profesional (Pinto&Chinto) con Carlos López co que publica a
diario as súas viñetas no xornal La Voz de Galicia. No ano 2011 foi finalista
dos premios CJ Picture Book Awards e foi incluído na lista The White Ravens;
tamén foi seleccionado para expoñer a súa obra en varias edicións da Bienal de
Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
de Bolonia. Recibiu, entroutros o Premio Internacional Clermont-Ferrand de
cadernos de viaxe e o Premio Ilustrador do Año Città del Sol.
Finalizado o obradoiro de David Pintor, o mesmo luns 24
de novembro está previsto que se inaugure na sala de exposicións da Casa da
Cultura de Fene unha exposición de
caricaturas, titulada “Pola cara”.
Nesta mostra, producida polo propio Museo do Humor de Fene, amosarase unha
importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por máis de medio cento
de debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais (Abraham
Carreiro, Ulisses Araujo, David Lara, Jorge Inacio, Carlos Sardiña, Christian
Jacob, Raúl Iglesias, Moisés Ramírez, Gogue, David Pintor, José Luis Castro
Lombilla, Baptistao, Polo, Walter Toscano, Xavi, Sebastian Cast, Armando Gámez
Padrón, Álex Gallego, Jarbas Domingos, José Julio, etc.)
A exposición permanecerá na Casa da Cultura de Fene ata
finais do mes de decembro, iniciando despois a súa itinerancia por cantos
concellos, entidades sociais ou colexios a soliciten.
E xa, por último, como colofón aos actos do XXX
aniversario do Museo do Humor, presentarase -tamén na xornada do 24 de novembro-
unha carpeta conmemorativa con
debuxos alusivos a esta efeméride. Para este cartafol contouse coa colaboración
de importantes debuxantes e humoristas gráficos galegos como Siro, Pepe
Carreiro, Xan López Domínguez, Calros Silvar, Santy Gutiérrez,
Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Xosé Lois, Gogue, Nachortas ou Manuel Uhía.
A propósito da conmemoración
deste XXX aniversario, no acto de presentación da programación, o alcalde de
Fene, Gumersindo Galego, salientou especialmente a singularidade do Museo do
Humor e fixo referencia “a todo o que aínda queda por amosar”, aludindo á
grande cantidade de fondos que o Museo foi acadando nestes trinta anos “e que
haberá que ir recuperando e amosando”.
Pola súa parte, a
concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, agradeceu a colaboración de todos os
artistas que participaron tanto na exposición “Pola cara” como na carpeta
conmemorativa do XXX aniversario. Asimesmo, convidou aos veciños/as de Fene e
da comarca a participar nos actos do 30 aniversario do Museo do Humor e lembrou
que durante todo o mes de novembro estará instalado na Casa da Cultura de Fene
o photocall do XXX aniversario do
Museo, podendo fotografarse nel todas as persoas que asistan ás distintas
actividades e que así o desexen.