A
concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explica que a actividade terá lugar o
vindeiro mércores, 18 de marzo, a partir das 17:00 h na Biblioteca Municipal, e
anima á veciñanza a anotarse na actividade na propia Biblioteca.
Con motivo
do Día Internacional da Poesía, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa,
anunciou esta mañá que o Concello organiza para este mércores, 18 de marzo, un
itinerario poético-cultural baixo o título “Entre rúas e versos”. Unha
actividade especialmente pensada para nenos e nenas de entre oito e doce anos
que conta coa respaldo da Consellería de Cultura a través do programa Ler conta
moito. Para participar, é preciso inscribirse previamente na Biblioteca
Municipal, ata media hora antes da acción, que comezará ás cinco da tarde.
Trátase dun
itinerario poético cultural no que se le camiñando e se descubrirán recunchos
da contorna da Biblioteca gozando con fermosos versos de poetas galegas. Pero
tamén un xogo no que un gran dado decidirá quen se vai escoitar! Rosalía?
Filomena? Avelina?Berta? Antía? …
É unha ruta
literaria para coñecer Fene e gozar con fermosos versos mentres se pasea.
Poemas de escritoras galegas desde Rosalía de Castro e Filomena Dato ata Berta
Dávila e Antía Otero pasando por María Mariño ou Avelina Valladares, entre
outras. Unha ollada histórica á poesía galega feita por mulleres, pero tamén
unha ollada diferente ás rúas polas que pasamos todos os días e, como non, un
momento lúdico.
Acompañados
dunha monitora, os participantes sairán da biblioteca para lembrar a poetas
galegas, comezando con Rosalía de Castro e escoitando un poema dela. A partir
de aquí, uns dados e uns sobres decidirán quen será a autora da seguinte
lectura e que dirección tomar.